Denuncia que Galicia está “á cola do estado” pola “tardanza sistemática da Xunta”, que ademais paga menos do importe autorizado por Europa e a menos beneficiarios
A voceira de Agricultura do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que adopte as medidas necesarias para axilizar o pago dos anticipos da PAC aos gandeiros e agricultores galegos.
Fíxoo a través dunha proposición non de lei, debatida no Parlamento, e na que evidenciou que a Comunidade se atopa “á cola do Estado” nesta xestión, uns datos que “deberían avergonzalos”. Malia todo, o PP rexeitou esta “medida en positivo”, o que para Rodríguez Dacosta demostra que “non lles preocupa a falta de liquidez das explotacións” e “vota en contra dos agricultores e gandeiros galegos”.
Así, con respecto aos anticipos da PAC, a parlamentaria do PSdeG incidiu en que “nos últimos tempos págase menos do importe autorizado pola Comisión Europea, que se fai máis tarde de forma recorrente e a menos beneficiarios”. Como mostra máis evidente desta situación, Carmen Rodríguez Dacosta alertou de que, neste exercicio -a 27 de outubro e case 15 días despois da apertura do prazo de pago- “non se tiñan producido ingresos en Galicia do anticipo da PAC”. “Mentres”, subliñou, “no resto de España xa se tiña procedido a pagar centos de millóns de euros”.
Polo miúdo, relatou que ata 8 comunidades autónomas en España tiñan aboado xa os anticipos da PAC para diferentes réximes por un importe de 1.900 millóns de euros. Mentres, en Galicia, ata ese momento, só se recibiran anuncios de pago de 36,9 millóns de euros a 15.000 gandeiros e agricultores galegos. Fíxose case 15 días máis tarde do prazo legal permitido e do realizado noutras comunidades autónomas e, ademais, cun importe moi inferior ao 70 por cento do total da axuda que xa debería estar a disposición dos agricultores e gandeiros galegos.
PRÉSTAMOS ELECTORALISTAS
A maiores, a deputada socialista tamén denunciou a “campaña inédita” activada en xullo de 2020, “xusto ás portas das eleccións autonómicas”. Esa campaña, que “sorprendentemente só se formulou en ano electoral” e non se mantivo este exercicio, consistía na concesión de préstamos de anticipo das axudas da PAC mediante convenios con diferentes entidades bancarias, que recibían un 1 por cento do total dos préstamos concedidos.
A xustificación desta actuación estaba en dotar de liquidez aos beneficiarios das axudas da PAC en Galicia e “era a primeira vez que que a Xunta priorizaba que os beneficiarios das axudas da política agrícola común en Galicia se financiasen a través de créditos con entidades financeiras, en lugar de axilizar o pagamento dos anticipos”.
Neste contexto, Carmen Rodríguez Dacosta tamén lamentou os pobres resultado desta iniciativa, xa que de 30.000 beneficiarios previstos, só pediron o préstamo o 5,9 por cento. Así, dos 2 millóns de euros que se estima dedicar a estas axudas, adxudicáronse menos dun 11 por cento e, xa que logo, “a inxección de liquidez quedou en menos dunha décima parte da prevista pola Consellería”.
Para a deputada socialista, esta iniciativa foi, polo tanto, “unha solución efectista comprada a entidades bancarias e pensada en termos de imaxe pública e campaña electoral permanente que quedan en nada”.
Lamentou, ao mesmo tempo, que o goberno galego se manteña na liña do “efecto propagandístico” no canto de “reforzar os equipos de xestión pública para conseguir un anticipo da PAC o 16 de outubro de cada ano polo importe máximo e ao total de beneficiarios”, o que si sería un exemplo da importancia da resposta pública aos problemas do agro galego”.
Ademais da situación dos pagos da PAC, Carmen Rodríguez Dacosta tamén evidenciou o baixo grao de execución dos fondos de desenvolvemento rural FEADER fronte “as mentiras da Xunta”. Neste caso, o nivel sitúase no 54 por cento, sete puntos por debaixo da media europea ou, por exemplo, 16 puntos por debaixo do nivel de execución de Asturias. “Menos mal”, enfatizou a deputada socialista, “ que houbo unha prórroga para estes fondos”.