Critica o voto en contra do PP a esta cuestión cando existe un acordo parlamentario de 2019 para crear este organismo: “fainos desconfiar dos intereses que poidan ocultar trala modificación que queren emprender da lei”
A voceira de Forestais do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, instou hoxe á Xunta a crear o Consello de Comunidades de Montes Veciñais antes de modificar a lei de montes. Fíxoo, na Comisión de Agricultura do Parlamento, onde presentou unha proposición non de lei neste sentido que foi rexeitada polo PP.
“A posición en contra por parte do grupo que sostén o goberno fainos desconfiar dos intereses que poidan ocultar trala modificación que queren emprender da lei”, advertiu a socialista, quen urxiu a “formalizar de forma inmediata” o Consello Galego de Comunidades de Montes Veciñais co fin de que as comunidades estean representadas e sexan oídas nas súas inquedanzas”.
Ao fío disto, Rodríguez Dacosta chamou ao Executivo galego a cumprir co acordo parlamentario en torno a esta cuestión que quedou materializado no ditame da comisión especial non permanente de estudio e análise das reformas de política forestal que precisamente recollen esta cuestión.
Este órgano “debe ter” a función de representación das comunidades, defensa dos seus intereses específicos e unha interlocución coa administración, tamén en modificacións normativas que afecten aos montes veciñais e, sinalou, “debe incidir de forma decisiva na economía do noso rural e ten unha función ecolóxica de protección do medio ambiente, sen obviar a súa función social”.
Neste sentido, configuraríase como un órgano consultivo e de asesoramento da administración forestal, polo que debería ter unha “participación activa” nas modificacións normativas que lles afecten, subliñou, xa que os montes veciñais ocupan unha superficie “moi importante” da comunidade autónoma, que acada concretamente a terceira parte da superficie forestal, constituíndo unha “excepción no minufundismo do rural galego”.
Porén, Rodríguez Dacosta pediu á administración autonómica que estableza un sistema “máis garantista” en canto á representación dos intereses dos montes veciñais e a representación das comunidades de montes. “Antes de actualizar a lei de montes veciñais constitúan de forma inmediata os Consellos da Comunidades de Montes de Veciñais, están a tempo”, concluíu.