Reclamoulle hoxe ao goberno galego que “cumpra a lei”, abandone a súa “inacción incomprensible” e resolva “de forma inmediata” a tramitación deste acordo aprobado polo Consello Regulador
A voceira de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que resolva de maneira inmediata a tramitación do aumento de rendementos aprobado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro.
Esta modificación foi impulsada por Unións Agrarias e aprobada en xuño do ano pasado ante os excesos de produción en dúas variedades para adaptar as condicións de comercialización de uva á realidade das parcelas e para “evitar que os viticultores deixen uvas colgadas nas cepas”. Porén, “incomprensiblemente”, a día de hoxe, a proposta permanece “paralizada” na Consellería de Medio Rural, que é o organismo que debe encargarse da tramitación precisa para que poida facerse efectiva canto antes.
Con este obxectivo, Rodríguez Dacosta defendeu hoxe unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que urxiu á Xunta a abandonar “a súa inacción incomprensible” e que “cumpra a lei” e publique o cambio no Diario Oficial de Galicia para que poida entrar en vigor. Mentres isto non se produza, a Xunta estará a “ignorar e a vulnerar os dereitos dun total de 300 viticultores”, 129 deles da variedade Torrontés e outros 171 da variedade Palomino.
A maiores, a parlamentaria do PSdeG contrastou esta situación coa modificación do regulamento aprobada polo Consello Regulador de Valdeorras en xullo de 2021 e que foi publicada en novembro. “Por que esa diferenciación?”, preguntou antes de instar aos responsables da Consellería de Medio Rural a que “collan a chave, saquen do caixón a documentación e cumpran coa obriga legal de publicar no DOG a modificación do prego de condicións do Ribeiro”.
Carmen Rodríguez Dacosta explicou ademais que os cambios aprobados polo Consello Regulador do Ribeiro refírense a parcelas pequenas de menos de 900 metros cadrados nas que non se pode traballar con maquinaria agrícola. Polo tanto, alertou de que esta paralización afecta de maneira especial á viticultura social das pequenas explotacións do Ribeiro, que conta cun gran número de pequenas parcelas.
Consciente desta realidade, a voceira de Agricultura do Grupo Socialista incidiu tamén na necesidade de que por parte do goberno galego se elabore un plan estratéxico de adaptación do Ribeiro a plantacións máis extensas e que contemple actuacións concretas. Así, demandou que a Consellería de Medio Rural “se involucre neste tema e deixe de lanzar ao aire grandes titulares de aprobación de leis que logo quedan no papel”.
En concreto, demandoulle á Xunta que desenvolva proxecto de mobilidade de terras e polígonos agrarios e que conclúa as concentracións parcelarias. Ao mesmo tempo, demandou que a Lei de recuperación de terra agraria “pase do papel á realidade” e que se especifiquen as actuacións concretas que se van aplicar na comarca do Ribeiro.
Nesta liña, Rodríguez Dacosta advertiu que se a Xunta non actúa xa e non aplica as figuras aprobadas nesa normativa e fomenta a mobilidade de terras “será tarde”, xa que “a realidade e as cifras falan por si mesmas e o número de bodegas e viticultores se reduciu á metade” nos últimos anos.
Nesta liña, lamentou a ineficacia do plan da Xunta para a dinamización das denominacións de orixe, “porque seguen a desaparecer viticultores” e “xa van perdidas dúas xeracións” pola falta de relevo xeracional para a zona e o sector, ameazado tamén polo abandono do rural.
Desta maneira, “ se se adoptan medidas”, a ampliación de rendementos aprobada no Ribeiro poderá se modificada “por innecesaria”, posto que as parcelas no Ribeiro poderán ser de maior tamaño e adaptadas aos rendementos que marca o prego de condicións, “con menos cepas por hectárea, tal e como é desexable”.