A deputada socialista sinalou o grave impacto desa decisión en Galicia, xa que é a quinta comunidade autónoma con maior número de pensionistas
Lamentou a inacción da Xunta respecto dos 15.000 postos de traballo que hai sen cubrir en Galicia a pesar de que o paro se achega ás 120.000 persoas
Carmen Rodríguez Dacosta criticou esta mañá o “ataque directo do PP á clase traballadora” por impedir, co seu voto en contra no Congreso, a revalorización das pensións e o incremento do salario mínimo. A deputada socialista no Parlamento galego lamentou, en especial, que precisamente Galicia é unha das comunidades na que vai ter un impacto máis grave a decisión dos populares, xa que se trata da quinta cun maior número de pensionistas.
Dacosta criticou tamén que o conselleiro de Emprego anunciase un plan para paliar a escaseza de traballadores e traballadoras cualificados en Galicia, unha iniciativa que “chega dez anos tarde”. Coa comparecencia de hoxe, a Xunta “recoñece o problema”, do que o PSdeG vén advertindo durante anos, sen que o Goberno do PP o abordase.
A parlamentaria ourensá recordou que os socialistas levan avisando de xeito reiterado “sobre a falta de dinamismo do mercado laboral galego” e instando a realizar unha diagnose axeitada sobre as súas necesidades. “Instamos a mellorar a empregabilidade dos demandantes a través de itinerarios persoalizados, pero o problema é a carencia de polìticas de emprego dende a Xunta”, afirmou.
“A realidade é que existe unha grave distorsión entre a oferta e a demanda”, con milleiros postos sen cubrir mentres o paro se sitúa en preto das 120.000 persoas. A Xunta “leva tempo anunciando medidas que non cumpre”, criticou Carmen Rodríguez Dacosta. “Din que adaptarán a formación para o emprego para anticiparse aos novos requirimentos do mercado laboral, pero na maior parte dos casos isto non é certo, porque os cursos de formación se realizan segundo as necesidades das empresas que os imparten e non das necesidades do mercado laboral”, reprochou.
Lembrou tamén que “receitas” como a Axenda de Capacidades para o Emprego e o Campus Virtual de Formación para o Emprego ou “non se sabe nada”, no primeiro caso, ou, no segundo, “o conselleiro pode dar conta das actuacións e resultados conseguidos”, ironizou.
Dacosta resumiu as políticas da Xunta en “discursos baleiros e falla de ideas e de proxectos concretos tanto para enfrontar o problema da emirgración da xente moza coma o da precariedade que caracteriza o mercado laboral galego”. Mentres, o PP “eliminaba os instrumentos que puxo en marcha o Goberno de Touriño, como os pactos territoriais de emprego”, recriminou. “Sería entendible que un Goberno novo deseñase políticas novas, pero o problema foi a falta de políticas de emprego”, afondou.
“Necesitamos que o Goberno galego tome en serio este grave problema e, en vez dunha lei oca aprobada aplicando o rolo, elabore e poña en práctica medidas ambiciosas”, demandou a deputada soclalista.