Critica o “paso atrás” de Galicia na busca da igualdade real entre mulleres e homes no ámbito laboral despois de que o PP eliminase, cando chegou ao goberno no ano 2009, todas as políticas de igualdade “postas en pé” polo goberno liderado por Emilio Pérez Touriño
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, propuxo a creación dun observatorio de seguimento de medidas de emprego en materia de igualdade. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei, que foi debatida hoxe polos grupos parlamentarios e será votada na sesión de mañá.
Na xornada na que se conmemora o Día da Muller, a dirixente socialista criticou o “paso atrás” de Galicia na busca da igualdade real entre mulleres e homes no ámbito laboral, despois de que o PP eliminase, cando chegou ao goberno da Xunta no ano 2009, todas as políticas de igualdade “postas en pé” polo goberno liderado por Emilio Pérez Touriño.
Así, lamentou que, mentres a Xunta en 2008 investía 190 millóns de euros para paliar a discriminación á muller nas empresas galegas, “o PP dende 2009 ata 2021 preferiu deixar sen executar 1.500 millóns de euros” en políticas na Consellería de Emprego e Igualdade.
Isto, subliñou, é “un absurdo”, xa que impediu, entre outras cuestións, a execución de medidas “importantes”, como a contratación de mulleres vítimas de violencia machista ou a continuidade de programas para a incorporación de mulleres en ocupacións masculinizadas, en sectores como o metal ou a construción.
Así, na actualidade, sinalou, hai unha diferenza do 2,2% entre o número de homes ocupados e de mulleres ocupadas no conxunto do mercado laboral, unha brecha que se materializa nas diferentes ocupacións, xa que, das 170 que existen, “só en 28 hai unha representación paritaria”.
Neste marco, Rodríguez Dacosta destacou que “as mulleres están excluídas do 25% dos empregos” e “só nun de cada sete postos de traballo é similar a posibilidade de que sexa ocupado por un home ou por unha muller”, cando ademais en Galicia “os homes teñen o dobre de saídas laborais que as mulleres”.
A falla de medidas para paliar o efecto da pandemia na desigualdade no ámbito laboral, incidiu, fixo que a diferenza entre mulleres e homes incrementase a brecha de ocupación nun 65% durante o último ano.
Ante os datos expostos, Rodríguez Dacosta chamou á Xunta que reimplante as medidas de emprego para acadar a igualdade entre mulleres e homes existentes no ano 2009, cando o PP accedeu ao goberno galego, así como a creación dun obsdervatorio de seguimento das medidas de emprego, dando conta das conclusión emitidas polo observatorio con carácter trimestral ao Parlamento de Galicia.