Cualifica de “irresponsable” a Feijóo por chamar ao voto en contra da reforma laboral cando esta permitirá atallar “dous dos principais problemas” do mercado laboral galego
Alerta dunha “nefasta” execución orzamentaria por parte da Xunta en materia de emprego despois de que tanto en 2019 como en 2020 deixase sen executar 135 millóns de euros nestas partidas
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe que Galicia continúa “á cola” na creación de emprego no conxunto do Estado cando “está no lugar 17 do total de 19 comunidades e cidades autónomas” nesta cuestión.
“Os datos reflicten un mercado laboral con un escaso dinamismo, caracterizado por un insoportable índice de precariedade e dobre temporalidade que afecta con máis forza ás mulleres, mocicidade e paradas e parados de longa duración”, sentenciou a socialista.
Neste marco, Rodríguez Dacosta alertou de que o “principais problemas do emprego” de Galicia producíronse dende está Feijóo ao fronte do goberno da Xunta. Así, sinalou que, dende 2008 ata a actualidade, Galicia perdeu ocupación efectiva e, especificamente, máis de 118.000 postos de traballo a tempo completo, o que obrigou a moitas galegas e galegos a “marchar fóra de Galicia” e cando algunhas persoas “xa nin se apuntan ás listas do paro”.
Esta “herdanza” que o goberno do PP está deixando en Galicia provocou, incidiu, “fortes caídas nos sectores considerados estratéxicos” como agricultura, gandeiría e silvicultura, onde se perdeu o 32,1% fronte ao “mantemento” que houbo no conxunto do Estado; na industria téxtil e da confección cunha perda diferencial de 24,8%; ou no subministro de enerxía eléctrica cunha perda do 31,6% en Galicia cando no conxunto do estado aumentaron un 22,3%.
OS DATOS DA EPA ALERTAN DA “DRAMÁTICA” SITUACIÓN DO EMPREGO EN GALICIA
Ao fío disto, a dirixente socialista puxo sobre a mesa a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2021 que “pon novamente de manifesto” a “dramática” situación do emprego en Galicia, xa que pechou o ano creando unicamente 10.400 empregos máis que en 2020, unha porcentaxe do 0,96%, cifra que é “catro veces e media inferior ao dato estatal”, que ascende ata o 4,3%.
Nesta liña, a socialista lamentou a suba do paro nun 20% en mocidade e maiores de 55 anos; o número “elevado” de parados de larga duración cando nestes momentos 59.400 persoas das 135.100 que están en desemprego levan máis dun ano nesta situación, así como o “escaso dinamismo” do mercado laboral galego que se reflicte nunha taxa de actividade de tan só 52,4 puntos, por debaixo dos 58,65 do Estado.
OS DATOS DE PARO E A CAÍDA DE FILIACIÓNS
En canto aos datos do paro rexistrado, Rodríguez Dacosta lamentou que o goberno galego “non fale” da caída de afiliacións que son este mes 10.831 menos e lembrou que en diversas ocasións a Xunta do PP “non tivo escrúpulos” á hora de “manipular” o paro rexistrado.
Así, aludiu ao ano pasado cando máis de 88.500 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia foron dadas de baixa por non renovar a súa demanda de emprego “cando había un acordo de todos os Servizos de Emprego das comunidades de renovar automaticamente as demandas”.
A “NEFASTA” EXECUCIÓN ORZAMENTARIA
Neste contexto, Rodríguez Dacosta alertou da “nefasta” execución orzamentaria en materia de emprego por parte do goberno galego despois de que tanto en 2019 como en 2020 a Consellería deixase sen executar 135 millóns de euros de forma consecutiva. “Os orzamentos en materia de emprego se converten, ano tras ano, nun acto de propaganda”, criticou a socialista.
CÓMPRE “REACTIVAR” AS MESAS DE DIÁLOGO SOCIAL
Ao fío disto, a responsable socialista pediu que a Xunta “reactive” as mesas de diálogo social, “co fin de analizar as eivas do mercado e adoptar medidas consensuadas con axentes sociais”. Así, incidiu en que Galicia “necesita” establecer plans de actuación de loita contra o desemprego e, especificamente, plans de choque dirixidos a mocidade, mulleres e paradas e parados de longa duración; así como implantar programas de autoemprego.
“É UNHA IRRESPONSABILIDADE QUE FEIJÓO CHAME AO VOTO EN CONTRA” DA REFORMA LABORAL
Nun “día importante” no que, previsiblemente, se referende a reforma laboral no conxunto do Estado, a dirixente socialista reivindicou a nova lexislación impulsada polo goberno de España e, incidiu, “pactada por axentes sociais, sindicatos e patronal”, xa que “permitirá abordar e atallar os principais problemas do mercado laboral en Galicia”, como a precariedade e o desemprego.
“Galicia necesita un novo marco laboral que reverta o abuso da temporalidade e a parcialidade involuntaria, á vez que se recupere un marco de negociación colectiva”, subliñou a socialista.
“É unha irresponsabilidade de Feijóo chame ao voto en contra da reforma laboral”, destacou a socialista que lamentou que o presidente da Xunta “defenda” o modelo anterior, “unha reforma feita polo PP que só trouxo aspectos lesivos para traballadoras e traballadores”.