Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos e nenas sen pediatra asignado
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta lamentou hoxe o voto en contra do PP a cubrir as catro prazas de médico pediatra previstas para o Centro de Saúde de A Ponte, en Ourense. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade do Parlamento para recuperar a atención pediátrica de antes da pandemia, pero que o PP votou en contra.
Dacosta advertiu que os recortes do goberno galego na sanidade galega, sinaladamente en Pediatría e nomeadamente na provincia de Ourense, está a provocar unha situación grave que ten provocado a mobilización das familias do barrio coas que se reuniu a semana pasada. Alertou de que a falla de pediatras está a provocar que haxa nenos e nenas que hoxe non teñen pediatra asignado, e provoca esperas de unha semana, con picos de 15 días, para recibir atención.
Esta situación provoca que as familias teñan que acudir ao PAC, onde tampouco hai pediatra, e desafiou aos parlamentarios do PP a visitar a sala de espera, onde “o 90 por cento dos pacientes son nenos e nenas”, con familias que se ven obrigadas a desprazarse a Urxencias e afrontar esperas de 5 horas cun neno ou nena pequeno enfermo.
Acusou ao PP e ao goberno galego de “facer caso omiso das necesidades e as peticións desta poboación”, que protesta pola falla dun servizo pediátrico de calidade, provocando desigualdades entre as familias. Advertiu que “se a situación da atención primaria en Galicia é preocupante, en Ourense se cabe aínda é peor”, onde a situación do Centro de Saúde de A Ponte é un exemplo da situación que se vive en toda a provincia.
Así, sinalou que o déficit de pediatras é unha constante en toda a provincia, con casos como o do Centro de Saúde de Xinzo, onde un só pediatra atende a máis de 1.700 nenos e nenas, ou o “desmantelamento sanitario no servizo de Pediatría” de Maceda. No concello do Barco de Valdeorras, dixo, dende comezos de 2024 un único pediatra atende a máis de 2.000 nenos e nenas, ou Verín, onde só 2 pediatras atenden a toda a comarca.
Criticou o “indignante exercicio de escapismo” por parte do PP ao rexeitar esta iniciativa acusando ao goberno central logo de que o goberno galego deixara de formar 180 médicos de Familia dende 2010 por vontade propia, renunciando a convocar tódalas prazas MIR dispoñibles, e cando é a terceira Comunidade Autónoma que menos inviste per cápita en sanidade.