Sinala que o PP “non está á altura” desta demanda que fora aprobada de forma unánime no Concello polas tres forzas políticas
A parlamentaria socialista Carmen Dacosta lamentou hoxe que o PP “non estea á altura” ao votar en contra dunha proposta coa que lle trasladaba ao Parlamento a petición da cidadanía de O Barco para reclamar o servizo de Pediatría no Centro de Saúde da localidade ourensá. A proposta, que foi aprobada no Concello polas tres forzas políticas, non acadou hoxe o apoio do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde foi o único grupo que a rexeitou, impedindo que fora aprobada.
A responsable socialista pedira o apoio unánime á reclamación das familias afectada na Comarca, así como pola Asociación Nai a Nai, que presentaron as súas peticións no Concello do Barco, acadando o apoio unánime da Corporación, do que agora se ten desmarcado o PP no Parlamento de Galicia. A proposta socialista pedíalle á Xunta que resolvera a falla de pediatras no Centro de Saúde, pero non foi aceptada polos populares.
Dacosta lamentou a posición do PP, logo de explicarlles a difícil situación da atención sanitaria da comarca, na que 2.000 nenos e nenas son atendidos dende principios de 2024 por un único pediatra que ademais vaise xubilar neste outono. Advirte que “o esforzo do profesional é enorme, pero tamén o seu desgaste e frustración”, mentres os usuarios, que ata xuño de 2022 contaban con dúas consultas de Pediatría, tense tornado “moi precaria e absolutamente insuficiente”.
Explicou que a situación do Barco de Valdeorras é representativa do déficit de pediatras que se rexistra en diversos centros de saúde da provincia de Ourense, que se ten convertido nun tema recorrente, que deriva en moitos casos na recollida de sinaturas dos pais e nais afectados por unha situación que lles provoca “un grave prexuízo”.