Reclama que repoñan o servizo completo de dous pediatras, actualmente cuberto por un médico que se vai xubilar no outono
A parlamentaria socialista Carmen Dacosta esixiulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que garanta o servizo de Pediatría no Barco de Valdeorras, logo da xubilación do único médico que queda atendendo aos pequenos, prevista para este outono. Dacosta presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle que repoña o servizo completo con dous pediatras no Centro de Saúde desta localidade.
A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que garanta este servizo para un centro que atende a máis de 2.000 nenos e nenas. Desafiou ao conselleiro a aclarar “se vai reestruturar o servizo”, aludindo ao “eufemismo” que utiliza cando queren pechar o servizo sanitario.
Os pequenos e pequenas do Barco e toda a comarca de Valdeorras están a ser atendidos dende comezos de 2024 neste Centro de Saúde por un único pediatra, que ademais vaise xubilar neste outono. Dacosta explicou que o goberno galego non quixo ocupar a praza da médica de familia -con formación de puericultora- que substituía á segunda pediatra do Centro de Saúde, e que marchou para Sobradelo a comezos de ano.
Sinalou que o Sergas está a prestar unha atención “absolutamente insuficiente” ás familias dentro da súa política coa que debilitan exercicio tras exercicio unha “prestación indispensable para as familias galegas, deixándoas desprovistas dun coidado que non pode someterse a prácticas escapistas” mentres tira “balóns fóra”.
A parlamentaria ourensá explicou que hoxe hai 200 concellos en toda Galicia que carecen de pediatra, ademais de que entre o 12 e o 14 por cento das prazas están ocupadas por médicos sen especialización.
A carencia de pediatras cébase en especial na provincia de Ourense, explicou, onde está a provocar vagas de protestas cidadás no Carballiño, onde este verán quedarán sen servizo, mentres as familias da Baixa Limia teñen que desprazarse a Celanova. Sinalou á situación de concellos como Outes, Fornelos de montes, Soutomaior, onde levan ano e medio sen pediatra, Agolada, Dozón ou Rodeiro.