A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Xunta un Plan de choque contra a sinistralidade laboral en Galicia, que provocou 56 mortes no ano 2023 e que lle custaron a vida a 4 traballadores en só 15 días do pasado mes de agosto. Dacosta presentou unha pregunta ao goberno galego diante do incremento dun 7 por cento na sinistralidade laboral no ano 2023, o último con datos completos.
Dacosta sinalou ao goberno galego como responsable directo da falla de protección e de medidas preventivas no mercado laboral galego, cunha “excesiva precariedade, parcialidade e temporalidade que inciden na sinistralidade”. Advertiu que a precariedade laboral, ou a combinación de altas esixencias e baixo control no traballo están asociadas a un maior risco de accidentes laborais”.
A responsable socialista criticou a “prepotencia e conformismo” do PP cando Galicia é xa a terceira Comunidade Autónoma con máis falecementos por causas laborais no Estado, con 4,84 falecementos por cada 100.000 traballadores, moi por riba dos 2,92 do conxunto do Estado.
Advertiu que a falla de interese do goberno galego na seguridade laboral queda reflectida na rebaixa dun 30 por cento no orzamento do Instituto da Seguridade e Saúde Laboral de Galicia -ISSGA-, que pasou dos 10,7 millóns de euros orzados polo goberno de Pérez Touriño en 2009 a apenas 7,6 millóns en 2024.
Esixiulle ao goberno galego que faga da seguridade laboral unha prioridade na súa axenda poltica e consensúe as medidas de goberno cos axentes sociais, debatendo cos sindicatos e implicando tamén á patronal. Apuntou que “sen obviar a transición dixital, demográfica e ecolóxica no ámbito preventivo, teñan en contra a prevención na saúde mental dos traballadores e traballadoras, así como a incorporación da perspectiva de xénero na seguridade laboral”.