Reivindica a coherencia dos socialistas e reclama a gratuidade das autoestradas estatais e tamén das autonómicas, porque “o que queren os galegos e galegas é deixar de pagar”
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, emprazou hoxe ao PP a “pedir perdón” aos galegos e galegas polo “pelotazo” e a “estafa” da privatización e ampliación da concesión da AP – 9 ata o ano 2048 por parte do goberno de Aznar. O responsable socialista sinala que “cada vez” que os galegos e galegas pagan unha peaxe nesta autoestrada o PP é “responsable político” e “culpable”.
Así o dixo no debate da petición de Comisión de Investigación sobre o proceso de ampliación e privatización, que os socialistas galegos apoiaron, pero advertindo que o proceso está baixo investigación na UE. O responsable socialista emprazou á “prudencia” fronte a “duplicidades que pouco novo e a maiores achegarían”, e explicou que “outros están en mellores condicións para realizar tarefas como esta”.
Esixiulle aos representantes do PP que “pidan perdón” e que “sexan menos locuaces para falar dos demais”, xa que segundo o que se coñece a día de hoxe o goberno de Aznar “incumpriu as obrigas en materia de publicidade” e “violou os principios xerais de trato e transparencia”. A Comisión que investiga este asunto considera que o verdadeiro obxectivo da prórroga era “aumentar substancialmente o seu valor para facela máis atractiva e conseguir unha venta máis rendible”.
Así o evidencia o informe de Actividades do Consello Consultivo de Privatizacións, que demostra que o PP de Aznar xa estaba a formatear a legalidade para vender a infraestrutura oito meses antes de conceder a prórroga por 25 anos.
Engadiu que a Dirección Xeral de Patrimonio de Facenda conta cun documento que demostra que as conversas para a venta xa se iniciaran tamén antes de conceder a prórroga e, finalmente, o propio documento de ampliación da concesión xa contemplaba a posibilidade da privatización.
Coherencia
López Font reivindicou hoxe a “coherencia dos socialistas” en materia de infraestruturas, xa que “votamos a favor da gratuidade da AP – 9 e a AP – 53”, as autoestradas estatais, igual que das autoestradas autonómicas AG – 55 e AG – 57. Sinalou a contradición do PP, que reivindica a gratuidade das autoestradas estatais pero a negan cando se trata de votar o levantamento das peaxes das vías autonómicas, que dependen deles e poderían convertela nunha realidade.
Engadiu que “cando se explora a vía realista de coñecer a situación xurídica e económica que significaría a gratuidade das catro autoestradas os socialistas votamos a favor, pero o PP vota en contra no caso das autonómicas e o BNG négase a aceptar a emenda socialista para incorporalas na pasada votación dunha iniciativa parlamentaria.
Subliñou que “o que nos piden os galegos e as galegas é a gratuidade: o que queren é deixar de pagar”, e esa é a posición dos socialistas galegos, que “traballamos de forma seria para que o camiño á gratuidade” das autoestradas estatais “sexa unha realidade”. Lembrou que as políticas de bonificacións foron postas en marcha por un goberno socialista, mentres nas vías autonómicas foron “a remolque e moito menores”.