O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou un “cambio profundo” na xestión do monte de Galicia para establecer un modelo que equilibre as funcións produtiva, medioambiental e social. Así o dixo logo dun encontro coa directiva do Clúster da Madeira de Galicia, hoxe en Cerceda.
O responsable socialista apostou por “deseñar unha alternativa a medio e longo prazo para cambiar o modelo de xestión do monte vixente nos últimos 30 anos” que, engadiu, “necesita ser renovado en profundidade”. O encontro celebrado hoxe enmárcase precisamente, explicou, nos contactos do Grupo socialista para presentar unha alternativa de cambio profundo na xestión do monte galego.
Neste sentido, avogou por un modelo que atenda a un obxectivo económico, co monte como fonte de riqueza que xere “produtos que se poidan transformar en Galicia”. Esta primeira faceta debe compaxinarse coa xeración de emprego e a sostibilidade a medio e longo prazo co respecto aos valores naturais dun recurso fundamental para Galicia.
O responsable sociailsta, xunto coa deputada Begoña Rodríguez Rumbo, visitou as instalacións de Galopín Parques, en Cerceda, onde mantivo un encontro co presidente do Clúster e xerente da empresa, José Manuel Iglesias, co conselleiro delegado de Finsa e presidente de Unemadera, José Carballo García, e o director da Asociación Forestal de Galicia e conselleiro delegado de Selga, Francisco Dans.