O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu hoxe que o anuncio do ministro de Fomento de manter o bloqueo á transferencia da AP-9 revela o “fracaso” de Feijóo na súa suposta estratexia de defensa dos intereses de Galicia.
Lamentou que a devaluación do presidente galego chegue ata o punto de que o goberno mantén o bloqueo á transferencia da AP-9 a Galicia mesmo despois de “recoñecer o seu filibusterismo parlamentario e anunciar o desbloqueo das Leis paradas na Mesa do Congreso”. Resumiu que “a presión da realidade obriga a rectificar, pero o escaso peso de Feijóo é insuficiente para que esta rectificación chegue á transferencia”.
Fernández Leiceaga criticou que “todos os galegos e galegas temos que pagar hoxe esta nova labazada do goberno de Rajoy como prezo dun presidente devaluado e ineficaz para defender en Madrid e diante do seu mesmo partido unha iniciativa que el mesmo aprobou en Galicia”.
Criticou a “ineficacia” demostrada polo presidente da Xunta “tanto para conseguir o desbloqueo da transferencia como para evitar que lle suban as tarifas da peaxe aos usuarios desa vía”.
Lembrou que, con Feijóo como conselleiro de Política Territorial, en 2003, o goberno ampliou a concesión durante 25 anos, e sendo el presidente da Xunta, en 2012, a ministra Ana Pastor “refrendou e ampliou o convenio coa concesionaria para subirlle o IVE ás autoestradas, retirarlle a bonificación do 7 por cento e comprometendo a suba das peaxes que hoxe padecemos”.