O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, lamentou o veto do PP a unha proposición non de Lei do PSdeG para apoiar á renovación das Pemes. O responsable lamentou a preocupación do PP por protexer a acumulación de capital nas grandes fortunas mentres deixan á intemperie aos pequenos empresarios e aos asalariados.
Os socialistas reclamaran hoxe un Fondo Específico de Apoio á Compra de Bens de Equipo dirixido á renovación das Pemes que polos seus recursos teñen “serios problemas para a mellora do seu tecido produtivo”, véndose incapaces de mellorar a súa capacidade tecnolóxica e deixando de ser competitivos.
Losada acusou ao goberno galego de utilizar ao Igape como “instrumento de publicidade e propaganda” para vender á opinión pública mentres “escamotea” o acceso a unhas axudas que en realidade resultan “complexas, confusas, difíciles de conseguir”. Puxo como exemplo as axudas á renovación enerxéticas, que só puideron ser solicitadas polo 10 por cento das empresas obxectivo.
Criticou tmén a estratexia “confusa, complexa, equivocada e falida” imposta dende o Igape, que “só tivo un nivel de execución do 30 por cento”, mentres o PP insiste na “milonga” de explicar que non se executa o orzamentado apelando a unha suposta plurianualidade que tildou de “auténtica estupidez”.
O parlamentario socialista apuntou que a produtividade medra polo incremento do valor engadido bruto da manufactura e a redución da poboación ocupada, co que “os salarios seguen perdendo posicións fronte ás remuneracións do capital”. Resumiu que “se o valor engadido da industria medra X e os salarios medran X partido por 3 é que alguén está levando a pasta”.
Reivindicou a redistribución da riqueza pola vía dos impostos para “trasladarlle algo daqueles que teñen moita pasta para aqueles que teñen moi pouca pasta”, xa que “o problema é a xente que non ten diñeiro nos petos, e os impostos son para iso”. Criticou a política do PP de reducir impostos porque “onde mellor están os cartos é nos petos dos cidadáns, pero o que non din é que queren que sexan os cidadáns… que teñen cartos”.