A portavoz de Política Social e Emprego do Grupo Socialista, Noela Blanco, reclamou hoxe a “blindaxe das axudas para desempregados e desempregadas sen prestacións”. Blanco presentou unha proposición non de Lei no Pleno celebrado hoxe na que reivindica a compatibilidade entre as prestacións por desemprego e as rendas sociais autonómicas, e que será votada mañá mércores.
Blanco advertiu que, logo de rematar a vixencia do Plan Prepara e o Programa de Activación para o Emprego –PAE-, do goberno central, o Ministerio de Emprego do goberno de Rajoy presentou unha proposta unificando o Prepara, o PAE e a Renda Activa de Inserción –RAI- na nova Renda Complementaria de Desemprego –REDE-. O problema, advirte, radica en que esta axuda única de 430 euros mensuais prexudicaría ao 59 por cento das persoas perceptoras.
Explica que, de acordo co sindicato UGT, o novo período de tempo que cobrarían a axuda sería inferior ao que existe na actualidade, polo que tanto sindicatos como a maioría de comunidades autónomas se teñen oposto a esta proposta. Advertiu que se trata dunha medida derivada “dunha política fortemente agresiva contra as persoas que perderon o seu emprego como consecuencia da crise”.
Criticou que “en lugar de frear a sangría do desemprego, optaron por reducir o gasto mediante unha diminución continua do número de beneficiarios”, para recortar 12.000 millóns de euros nas prestacións para parados, dende os 30.000 millóns de 2011 a 18.000 en 2017. Cualificou de “puro ensañamento” o trato aos parados de máis de 52 anos, facilitando o despedimento, eliminando os subsidios e recortando as pensións.
Reclamoulle polo tanto á Xunta que defenda que a unificación das axudas “garanta que estas axudas se manteñan dentro da estrutura do sistema de prestacións, sen que en ningún caso supoña unha modificación á baixa que poña en perigo a prestación nin o tempo que se percibe na actualidade”.
Paro
Blanco responsabilizou á xestión do goberno do PP en Galicia e do goberno saínte de Rajoy no Estado da “consolidación dun mercado de traballo anémico rexido pola estacionalidade, a temporalidade e a precariedade”. Así o confirman, din, os datos de paro coñecidos onte mesmo, que apuntan a que o 90 por cento dos contratos asinados no mes de maio foron temporais.
A parlamentaria socialista explicou que “por cada emprego creado hai once contratos, e máis de 17 por cada parado que abandona a lista”. Ademais, explicou, “faltan en Galicia preto de 70.000 postos de traballo respecto a maio de 2007”, de acordo coa lista de cotizantes á Seguridade Social.
Apuntou que a maioría das desempregadas segue a ser mulleres, e en Galicia só o 52,82 por cento das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego. En total, dixo “hai 78.500 persoas paradas con experiencia laboral que carecen de cobertura por desemprego, aos que máis deberiamos protexer”.