O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta pon en valor o acordo de investidura que “traducirase en máis obras, mellores pensións, máis vivenda pública e máis cartos” para Galicia
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que a investidura de Pedro Sánchez permitirá abrir unha nova etapa de “catro anos máis dun goberno estable que pensa e traballa pola maioría social do noso país”. Así o dixo ao comezo da sesión de investidura de Pedro Sánchez, hoxe no Congreso dos Deputados.
O responsable socialista, que formou parte do equipo negociador da investidura, puxo en valor un acordo que “traducirase en máis obras, mellores pensións, máis vivenda pública e máis cartos para a nosa terra”, grazas a un goberno progresista que suporá, resumiu, “unha boa nova para Galicia”.
Anticipou que o respaldo de 179 deputados e deputadas garante o apoio da maioría absoluta da Cámara a un executivo progresista que abrirá unha Lexislatura de “4 anos máis dun goberno estable que pensa e traballa pola maioría social do noso país”.