O secretario xeral chamou ás “alianzas sociais” para fomentar o uso do idioma propio de Galicia, especialmente entre a xente nova
“A nosa preocupación polo galego vai moito máis alá do cultural”, asegurou o líder socialista logo de reunirse coa comisión executiva da institución
“A nosa preocupación polo galego vai moito máis alá do cultural. Para o PSdeG, a lingua forma parte dun proxecto global de país”. Así se expresou o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, durante a súa visita ao Consello da Cultura Galega para analizar coa comisión executiva da institución a situación na que se atopa o idioma propio de Galicia.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego enmarcou o encontro coa presidenta da institución, Rosario Álvarez, a vicepresidenta Dolores Vilavedra e o secretario, Alejo Amoedo, na rolda de contactos que está mantendo con diferentes organismos e entidades co fin de poñer en común ideas que contribúan a reverter a “emerxencia lingüística” que significa que, por primeira vez na historia, o galego xa non sexa a lingua máis falada de Galicia.
Besteiro, que acudiu á sede do Consello na compaña da viceportavoz do Grupo Socialista Lara Álvarez, explicou que durante a xuntanza se compartiu unha “preocupación” cuxas implicacións transcenden “o puramente cultural”. “É importante trasladar a nosa mensaxe, o xeito que temos de construír o futuro, non só dende un apoio político, senón a través de alianzas sociais”, detallou o líder socialista sobre a postura da súa formación.
Así, fixou a recuperación do consenso en política lingüística a través dun gran pacto como o camiño para recuperar falantes, “sobre todo os mozos e mozas”, aos que hai que atraer ao uso “do noso ben máis prezado como pobo”.