Acusa ao presidente da Xunta de “insultar á xente”, que valoran ben o aumento das pensións e do salario mínimo, “a aposta pola vivenda, a chegada do AVE ou con aumentar o traballo nos estaleiros”
Conclúe en Muros, onde visitou a agrupación socialista xunto coa candidata Caridad González, un recorrido polas vilas de Muxía, Cee e Dumbría
O socialista José Ramón Gómez Besteiro criticou hoxe o “disparate” do presidente da Xunta, que hoxe quixo plantexar o 28M como un referendo sobre Pedro Sánchez. O tamén delegado do Goberno fixo estas declaracións na visita a Muros coa candidata socialista, Caridad González, onde pechou a xornada na Costa da Morte logo de estar en Muxía, Cee e Dumbría.
Gómez Besteiro recolleu o guante lanzado por Rueda e sinalou que os veciños e veciñas están “dacordo co aumento das pensións, co aumento dos salarios, coa aposta pola vivenda, coa chegada do AVE a Galicia ou con aumentar o traballo nos estaleiros”. Censurou o “argumento pobre e pouco enriquecedor” por parte do PP, que “comete a torpeza de tratar á xente coma se non fora intelixente”.
O feito de que teña que recorrer a ese argumento, dixo, demostra que o PP está “certamente desorientado, sen saber o que ofrecerlle aos cidadáns e ás cidadás e pouco confiado nos seus candidatos e candidatas”. Sinalou que “se estivera confiado falaría deles e das propostas para as vilas e cidades”, no canto de “insultar á cidadanía e intentar confundir” cunha táctica que “creo que vai ter o efecto contrario”.
Máis alá do plantexamento do PP, dixo, “o debate nas vilas está no futuro dos próximos 4 anos”, e en darlle resposta aos veciños e veciñas “preocupados polos servizos sociais e nos asuntos nos que ten moito que ver a Xunta de Galicia”. Sinalou así a “falla de aposta pola Dependencia, polos servizos públicos, polas infraestruturas ou o desenvolvemento dos polígonos industriais das nosas vilas”.
Apuntou que “a xente sabe distinguir os procesos electorais”, e por iso trasladou “moito optimismo no 28M”, no que augurou un “magnífico resultado” para un PSdeG que “fala do que lles preocupa aos veciños e veciñas e non se mete noutras entelequias que ninguén entende”.
Falsos profetas
Situou no lado contrario a un Rueda e a un Feijóo a quen “os galegos vemos desorientado” e que se presenta como o “home insolvente” que realmente é, que “non coñece a realidade de España e que non cre en España”. Advertiu que o PP meteuse el só na “senda da desorientación” logo de presentarse como “falsos profetas” que auguraban que “ía ir todo mal este ano”.
Lamentou que o PP agardara como auga de maio uns datos negativos de inflación e de emprego, cando “o crecemento da economía non ten comparación na UE, a inflación é das máis baixas e o desenvolvemento do emprego sitúase por riba da media do entorno europeo”.