“Ninguén entendería que Feijoo se negase a comparecer”, advertiu o secretario xeral dos socialistas de Galicia
“Estaremos moi atentos por se o PP intenta bloquear, torpedear ou obstaculizar o funcionamento da comisión, e se o fai, denunciarémolo”, asegurou
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Ourense que o Partido Socialista “vai chegar ata as últimas consecuencias” na comisión de investigación sobre contratación pública e sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro que está a dar os seus primeiros pasos no Parlamento galego. A preguntas dos medios, Besteiro afirmou que “por suposto” Feijoo debe comparecer na comisión, como presidente de Galicia “na etapa que se está cuestionando”.
“Ninguén entendería que Alberto Núñez Feijoo, reclamando o que reclama todos os días en España, non fose capaz de vir aquí” a dar explicacións, remarcou o líder socialista, que insistiu: “Supoño que non se negará a aclarar ese sobrecuste do Álvaro Cunqueiro de 470 millóns de euros, pero, sobre todo, as contratacións que se fixeron na pandemia”. Respecto deses procedementos relacionados coa crise da covid, Besteiro sinalou que “son pouco ou nada transparentes, por non poñerlles outro cualificativo”,
O secretario xeral advertiu tamén sobre o desenvolvemento dos traballos, para os que hoxe se pechou a proposta de comparecentes. “Estaremos moi atentos por se o Partido Popular intenta bloquear, torpedear ou obstaculizar o funcionamento desa comisión”, apuntou. “En todo caso, demandarémolo e denunciarémolo se efectivamente hai un funcionamento irregular”, avanzou.
José Ramón Gómez Besteiro fixo esas declaracións durante a súa visita ás obras do novo centro de regulación ferroviaria de Galicia xunto ao delegado do Goberno, Pedro Blanco. No antigo edificio da estación ourensá de San Francisco, que se está a remodelar con ese fin, destacou o investimento no proxecto, próximo aos 15 millóns de euros, como unha “aposta clara” do Goberno polo futuro do tren en Galicia na que se integran as melloras tecnolóxicas co respecto ao patrimonio.
O líder do PSdeG tamén se referiu aos Orzamentos da Xunta para o 2025 no que respecta a Ourense, que cualificou como “absolutamente decepcionantes” porque “non atallan os problemas reais” que enfronta a Galicia interior, cunha notable falta de fondos para infraestruturas “prioritarias” para a cidade e a provincia e cunha atención “mínima” á política de vivenda. Como exemplos concretos da “discriminación” que sofre Ourense nos Presupostos autonómicos, puxo o abandono do centro de atención a persoas con discapacidade ou a ausencia de iniciativas para o termalismo. “Abandónase á Galicia interior que di defender o PP”, concluíu Besteiro.