O líder dos socialistas galegos analiza o traballo do concello xunto coa ONG Rescate Internacional e as empresas que contratan aos refuxiados que chegaron en setembro de Mali e Senegal
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou o traballo de “integración real” de inmigrantes refuxiados que está a despregar Ribeira de Piquín. Besteiro visitou a aula de formación atendida pola ONG Rescate Internacional no concello lugués xunto co seu alcalde, o socialista Roberto Fernández, e a continuación mantiveron un encontro coa empresa Conelec, na que cinco refuxiados comezarán a traballar este mesmo mes de xaneiro.
Besteiro salientou o exemplo positivo do concello como mostra da “integración real, do que é ser xenerosos para acoller e integrar” a 51 persoas que chegaron a Galicia “fuxindo do drama de Mali e Senegal”. Salientou que con esta iniciativa están a atender tamén á necesidade de man de obra na parte de Galicia que máis o necesita para loitar contra o despoboamento, como é este concello lugués de menos de 500 habitantes.
O secretario xeral das e dos socialistas galegos sinalou que o impulso de acollida e integración social e laboral destes refuxiados responde ao traballo do goberno de España e dos concellos implicados para “abrirlle os brazos aos refuxiados”, que hoxe, dixo “hoxe son máis galegos que cando chegaron hai catro meses”. Explicou que xa forman parte da forza laboral que precisan as empresas, logo de tan só uns meses de formación primeiro na lingua e despois adquirindo a necesaria capacitación profesional.
O alcalde da localidade, Roberto Fernández, explicou o traballo do concello de forma conxunta coa ONG e as empresas interesadas para prestarlles a estes rapaces a formación que precisan para traballar en sectores como o forestal, a hostalería, a construción ou o eléctrico. Subliñou que se trata dunha iniciativa “distinta e necesaria para os concellos que padecen o despoboamento”.
Salientou que “necesitamos da súa integración para conectar por unha parte a realidade das necesidades dos inmigrantes que chegan nunha situación difícil e pola outra banda das empresas que precisan de man de obra”. Apuntou así á “dobre cara da moeda” da “solidariedade e humanidade” que beneficia ademais a un concello despoboado que está a formar a medio cento de traballadores nun traballo que beneficiará a toda a comarca.