O secretario xeral do PSdeG avogou en Ferrol por unha planificación que garanta o respecto ao medio ambiente e os beneficios para as comunidades locais
O líder socialista e eurodeputado Nicolás González Casares chamaron na xornada de Diálogos con Raíz en Ferrol a construír unha Galicia máis verde e próspera
Ferrol, 26 de outubro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe en Ferrol a transición enerxética como “a verdadeira oportunidade para o noso país”. Entre outros beneficios, as renovables “van atraer futuro e mellores empregos vinculados ao noso potencial industrial”, afirmou durante a xornada do ciclo Diálogos con Raíz “Transición ecolóxica, retos e oportunidades para Galicia e Europa”, organizada pola delegación española do Grupo da Alianza Progresista dos Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, da man do eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares.
Besteiro asegurou que os socialistas están “comprometidos cos retos de país”, entre os que destacou o da enerxía, “despois dese parón do Partido Popular durante 15 anos no campo das renovables”. O futuro, apuntou, “pasa por planificar máis e mellor e adaptarse á normativa europea” para impulsar un sector clave no desenvolvemento da comunidade.
O líder socialista chamou á Xunta a poñer fin “a esa posición de enfrontamento co Goberno central” e a centrarse en crear “máis seguridade xurídica” para os proxectos que teñan a intención de asentarse no país, pero tamén lle esixiu ao Goberno de Rueda que a aposta pola transición enerxética se traduza “a través de orzamentos e de instrumentos para que as renovables protagonicen non só o noso presente, senón fundamentalmente o noso futuro”.
A todos eses aspectos, José Ramón Gómez Besteiro sumou “un respecto absoluto ao medio ambiente” e a necesidade de medidas para “trasladar os beneficios ás comunidades locais, á xente que vive onde se asentan os proxectos enerxéticos e aos concellos, que deben ter un papel protagonista”.
O secretario xeral compareceu ante os medios durante un descanso da xornada na compaña de González Casares, que asegurou: “Queremos mandar unha mensaxe moi clara: o Partido Socialista cre na transición ecolóxica, lidera a transición ecolóxica e quere liderala en Galicia fronte aos bandazos do PP nas políticas climáticas e enerxéticas”. O eurodeputado valorou especialmente que na xornada participaron representantes da industria, do ámbito académico, do movemento ecoloxista e dos sindicatos, porque “os socialistas queremos debater, escoitar á cidadanía para ir cara adiante e non volver atrás”, subliñou.
A xornada contou para a súa apertura coa presenza do director xeral do IDAE, Joan Groizard, tras a presentación por parte do secretario de Transición Enerxética e Planificación Industrial do PSdeG, Ángel Mato, mentres que a clausura correu a cargo de José Ramón Gómez Besteiro.
O debate desenvolveuse arredor de dúas mesas. A primeira estivo moderada pola xornalista Beatriz García Couce e tratou a transición enerxética. Nela participaron o secretario nacional da Asociación Nacional de Produtores de Enerxía Fotovoltaica (ANPIER), Juan Castro Gil; o director financeiro de Forestal del Atlántico, Alberto López Pampín; o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e membro do Foro Fieito, Óscar Rodríguez Figueiras; a asesora xurídica da Asociación Eólica de Galicia, Cristina Pedrosa Leis, e o eurodeputado Nicolás González Casares.
O xornalista Julio Pérez dirixiu a segunda, sobre os retos e as oportunidades das políticas climáticas. Interviñeron o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva Castaño; o responsable de cohesión territorial da Fundación Renovables, Diego Ferraz; o secretario xeral de UGT-FICA Vigo, Rubén Pérez Prego; o coordinador de Greenpeace en Galicia, Manoel Santos, e a voceira de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias.
Debates abertos á sociedade coa participación de expertos e expertas de distintos ámbitos
Diálogos con Raíz é un ciclo de debates abertos á sociedade que o PSdeG está levando a diferentes puntos da xeografía galega para reforzar o proxecto socialista. Nel participan expertas e expertos de diferentes eidos. Moitos deses relatores non teñen vinculación co partido, co obxectivo de fomentar a diversidade das achegas en asuntos como a transición enerxética, o financiamento autonómico e local, a igualdade, a sanidade, a dependencia e os servizos públicos en xeral.
Os encontros, intercalados co traballo no programa do Congreso Federal, servirán para afondar nun proxecto político plural e enriquecer o relatorio do Congreso Nacional que se celebrará o próximo ano.