O líder dos socialistas galegos lamenta que o presidente da Xunta estea “máis preocupado da oposición” que dos problemas dos galegos e das galegas
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que a primeira intervención de Rueda no Debate do Estado da Autonomía está “desconectada da Galicia real”, á que substitúe por altas doses de “autobombo e autocompracencia”. Besteiro fixo esta mañá unha primeira valoración da intervención do presidente da Xunta antes de presentar o proxecto alternativo do PSdeG na quenda de intervencións da tarde.
O líder dos socialistas galegos advertiu ao presidente da Xunta “un pouco subidito” na súa análise da situación de Galicia logo dun ano das eleccións autonómicas, pero na que falla unha valoración acaída dos problemas dos galegos e das galegas, sinaladamente da sanidade, a vivenda, a mocidade ou o medio ambiente e o desenvolvemento industrial.
José Ramón Gomez Besteiro puxo o foco nas contradicións da intervención do presidente da Xunta, que mentres reclama máis competencias renuncia a exercer as que xa ten asumidas, como é o caso da industria, que é responsabilidade exclusiva do goberno galego. Tamén advertiu que, con relación á condonación da débeda, “defende a mutualización da débeda en Europa, pero en España lles parece unha mala decisión”.
En definitiva, un discurso “decepcionante” e alleo á realidade de Galicia, como evidencia que “debe ser o único galego que descoñece que Portugal non chegará a tempo” para a liña de AVE entre Vigo e Oporto.
Besteiro anticipou que na quenda dos portavoces parlamentarios que comezará pola tarde presentará un discurso centrado na “Galicia real” e esquecida polo presidente da Xunta, só preocupado por cambiarlle o nome ás promesas incumpridas de anteriores edicións do debate, con “bonos que cambian de nome”.
O responsable socialista presentará, dixo, un proxecto alternativo centrado nos problemas da vivenda, da sanidade, a mocidade ou o desenvolvemento dunha industria respectuosa co medio ambiente.