O líder dos socialistas galegos intervén no acto de conmemoración dos 45 anos de alcaldía socialista en Caldas de Reis xunto cos tres rexedores da democracia e o presidente Laxe
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou hoxe que os 45 anos ininterrompidos de gobernos do PSdeG na alcaldía de Caldas de Reis representan “a estabilidade que pode ofrecer o socialismo en Galicia”. Así o dixo no acto de conmemoración dos 45 anos de gobernos socialistas en Caldas de Reis xunto cos alcaldes Juan Manuel Rey, Adolfo Abalo e José María Tobío, e o expresidente da Xunta Fernando González Laxe.
O líder dos socialistas galegos puxo aos gobernos de Caldas de Reis e da Xunta de Galicia como exemplo da “raíz desde a cal construiremos a alternativa en Galicia” dentro de 4 anos, en base a “un proxecto de futuro por Galicia e para Galicia”. Gómez Besteiro reivindicou que “tódalas cousas boas que lle aconteceron ao noso país teñen unha raíz socialista”, como é o caso dos gobernos na vila pontevedresa.
Apelou ás “raíces profundas” do socialismo galego, que constitúen “a igualdade, o benestar, os dereitos e liberdades, traballar para as persoas, para quen máis o precisa, polo desenvolvemento sustentable e claro, a nosa cultura e a nosa lingua”. Reivindicou o orgullo da traxectoria dos socialistas galegos, que “protagonizamos tódolos cambios importantes, todos os avances”, e que constitúen a base para construír “un proxecto de futuro e con futuro”.
O responsable socialista aludiu neste acto aos ex presidentes socialistas Pérez Touriño e González Laxe como “os mellores presidentes da historia de Galicia”, e que representan as bases do proxecto socialista para “construír a alternativa en Galicia”. Subliñou que os dous “fixeron máis eles en cadansúa Lexislatura que Feijóo e Rueda en 15 anos.
Así o dixo nun acto no que ademais de González Laxe -Pérez Touriño interveu a través dun vídeo- participaron o actual alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o secretario xeral do PSdeG de Pontevedra, David Regades, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e o secretario xeral dos socialistas de Caldas de Reis, Juan Arzúa.