Tras unha reunión con representantes de Down Galicia, o secretario xeral socialista avanzou que a súa intervención na próxima sesión de control ao Goberno de Rueda se centrará “nesa situación de desigualdade evidente e real” que se da en Galicia
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025. “A loita por poñer fin ás desigualdades é o noso camiño”. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe así unsdos eixos das políticas que desenvolve o Partido Socialista e que el, como portavoz do Grupo Parlamentario, trasladará no próximo pleno á sesión de control ao Goberno galego.
Besteiro detallou que o marco da pregunta ao presidente Rueda, o próximo día 29, será a iniciativa pública para poñerlles fin ás desigualdades, entre outras, “no campo da sanidade, da educación ou en función do lugar de residencia”, que configuran “o panorama da Galicia real” e non da que relata o Partido Popular. O contrario, ve no PP unha falta total de vontade de abordar ese problema.
O líder dos socialistas galegos mantivo esta mañá unha reunión con representantes de Down Galicia durante a que o presidente da entidade, Delmiro Prieto, puxo sobre a mesa diferentes cuestións que afectan ao seu colectivo, en especial os atrancos á educación inclusiva.
Segundo Besteiro, nese ámbito, o PP provoca coas súas políticas “unha desigualdade evidente”. Reclamou, por iso, máis recursos públicos para “potenciar a educación inclusiva”, cuxos efectos positivos “están contrastados”, e comprometeuse a que o Partido Socialista traballará nesa dirección.
Recordou que existe unha gran preocupación por ese problema e que a semana pasada representantes da Agrupación Provincial coruñesa do PSdeG acompañaron aos presidentes de Down España e Down Galicia nunha reunión co secretario de estado de Educación na que se lle expuxeron ao Goberno central as demandas de ambas entidades.
José Ramón Gómez Besteiro criticou os recortes da Xunta en persoal de apoio, o que deixa claro “cal é o modelo do PP”. Uniuse a esa demanda de máis recursos humanos o presidente de Down Galicia. Asegurou que, pese a que o Goberno galego “leva xa varios anos dicindo que está incrementando persoal”, en realidade, “non é así”.
Prieto insistiu en que a organización á que representa aposta “sen complexos nin atallos pola inclusión en todos os ámbitos da vida de calquera persoa”, sinalando o educativo como un “piar fundamental”. Por iso apuntou que, no tocante a esta cuestión, hai “sintonía” entre o que defende a súa entidade e a liña polìtica do PSdeG, e advertiu que “na educación pública non teñen cabida as aulas nas que se separa á xente”.