“Altri é unha gran mentira dende o primeiro día”, advertiu o voceiro do Grupo Socialista, quen acusou a Rueda de facer deste “o seu proxecto estrela”, a pesar de que “non hai unha soa verdade sostible arredor del”
Nunha intervención centrada en denunciar “a farsa que a Xunta quere impoñer con cartos de todas e todos”, Besteiro dirixiuse a Rueda acusándoo de estar atado a este proxecto, “pero eu non, eu son libre”
Defendeu que Galicia non pode seguir destinando os seus recursos forestais a aumentar a produción de celulosa, sen control nin beneficio para o país
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cargou este mércores no Parlamento contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de avalar “un proxecto cheo de mentiras” como é o de Altri. “Se fose polo PSdeG, Altri non levaría un euro de fondos públicos, porque nin cumpre, nin o merece”, proclamou Besteiro, nunha intervención centrada en denunciar “a farsa que a Xunta quere impoñer con cartos de todas e todos”. E engadiu: “Eu pódoo dicir porque vostede está atado a este proxecto, pero eu son libre”.
“Altri é unha gran mentira dende o primeiro día”, advertiu Besteiro, quen acusou a Rueda de facer deste “o seu proxecto estrela”, a pesar de que “non hai unha soa verdade sostible arredor del”.
Lembrou como o proxecto foi presentado como unha fábrica téxtil e agora mesmo nin no propio goberno se poñen de acordo: uns falan de fibras, outros de celulosa. Subliñou tamén que as promesas de creación de 2.500 empregos directos foron falsas, igual que o compromiso de non alterar o modelo forestal galego ou de non impactar no consumo enerxético. E engadiu que a suposta viabilidade económica de Altri quedou en nada cando a propia empresa recoñeceu que sen os 250 millóns de euros públicos non podería saír adiante.
Besteiro cuestionou a lóxica dun presidente da Xunta que se nega a reclamar a condonación da débeda para reforzar servizos públicos, pero que si está disposto a transferir fondos europeos a unha empresa privada cun proxecto feble, cheo de sombras e sen garantías claras. E preguntouse abertamente en sede parlamentaria cal era exactamente esa “axuda” que a Xunta lle prometera a Altri, segundo palabras do propio Rueda: “Sabía tamén a empresa que a Declaración de Impacto Ambiental acabaría aprobándose?”, inquiriu. E deixou unha advertencia clara: “Se de vostede dependesen os fondos europeos, Altri xa estaría feita”.
Desde o principio, apuntou o líder socialista, o PSdeG mantivo unha posición coherente e firme: esixir que calquera proxecto industrial cumpra criterios de solvencia, rigor e viabilidade. E, engadiu Besteiro, “nada diso se cumpre no caso de Altri”. Por iso, defendeu que Galicia non pode seguir destinando os seus recursos forestais a aumentar a produción de celulosa, sen control nin beneficio para o país.
Ante os intentos do PP de presentar a postura socialista como un rexeitamento á industria, Besteiro deixou claro que non caerán nese tipo de “debates simplistas e absurdos”. O PSdeG está a favor da industria produtiva e sustentable, da que suma para Galicia, non da que se impón con propaganda e cartos públicos sen retorno. “Dicir que si a todo é tan fácil como dicir que non a todo”, explicou, e advertiu que este non é o camiño.
Por último, advertiu de que a insistencia do PP en querer controlar os fondos europeos responde á intención de canalizalos sen control nin fiscalización cara a proxectos como o de Altri. “A súa prioridade non é Galicia, é garantir favores a intereses privados”, concluíu, reiterando que “se de nós dependese, este proxecto non recibiría nin un euro, porque nin cumpre, nin merece”.