O secretario xeral das e dos socialistas galegos denunciou a falta de compromiso de Rueda cos intereses galegos: “Galicia necesita un goberno que poña por diante as necesidades do seu pobo, sen ataduras nin estratexias partidistas ditadas dende Madrid”
O líder socialista subliñou a falta de valentía de Rueda á hora de defender un modelo de financiamento que recoñeza a singularidade de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, expresou o seu escepticismo ante a Conferencia de Presidentes Autonómicos que terá lugar este venres en Santander. Para Besteiro, este encontro será outra oportunidade perdida para Galicia, que sufrirá unha vez máis a subordinación de Alfonso Rueda ás directrices de Génova e aos intereses do Partido Popular. “Rueda non actúa como presidente da Xunta, senón como vicepresidente de Feijóo, atendendo só ás razóns que lle poñen riba da mesa en Génova, sen considerar os verdadeiros intereses de Galicia”, afirmou.
Besteiro cuestionou a capacidade de Rueda para defender Galicia en áreas clave como a sanidade e a vivenda. “Resulta sorprendente que o Partido Popular e Alfonso Rueda se declaren abertamente incompetentes en materias nas que Galicia posúe competencias exclusivas. Que está a facer a Xunta en vivenda e sanidade? É evidente que non existe un proxecto claro nin unha xestión eficaz”, lamentou.
Ademais, o secretario xeral das e dos socialistas galegos subliñou a falta de valentía de Rueda á hora de defender un modelo de financiamento que recoñeza a singularidade de Galicia. “Non entendo cal é o problema en manter un contacto bilateral co Goberno central para expoñer as necesidades específicas do noso territorio. Galicia merece ser tratada como o que é: un país cunhas condicións propias que deben ser tidas en conta”, explicou.
A incomprensible actitude de Rueda coa condonación da débeda
O líder socialista tamén foi especialmente crítico coa postura do Partido Popular sobre a condonación da débeda galega. “É incomprensible que Rueda e o PP se opoñan a unha medida que permitiría investir en áreas prioritarias como a vivenda e a sanidade. Non hai quen entenda que sexa malo para Galicia condonar parte da súa débeda, sobre todo cando outras comunidades están a aproveitar esta oportunidade”, indicou.
Besteiro denunciou por último a falta de compromiso de Rueda cos intereses galegos. “Galicia necesita un goberno que poña por diante as necesidades do seu pobo, sen ataduras nin estratexias partidistas ditadas dende Madrid. Mentres outras comunidades negocian e logran melloras, o noso presidente prefire obedecer as ordes de Feijóo antes que mirar polo futuro dos galegos e galegas. Desde o Partido Socialista reclamamos firmeza, valentía e un compromiso real co noso país”.