O secretario xeral do PSdeG esíxelle que poña o traxe de presidente “e empece a traballar” en lugar de actuar como xefe da oposición ao Goberno de España
Denuncia que a única lei que impulsaron os populares dende o inicio da lexislatura “foi para privatizar os recursos naturais de Galicia”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe a Alfonso Rueda “que poña o traxe de presidente de Galicia e empece a exercer”, algo que, afirmou, foi “xusto o que non fixo” durante os primeiros 100 días no cargo.
Besteiro lamentou que, con Rueda á fronte, Galicia está “á cola de España”: “Crecemos menos que o resto do Estado e, por tanto, perdemos oportunidades”, subliñou para, a continuación, engadir que, co PP no Goberno, a comunidade ocupa tamén as últimas posicións entre as comunidades autónomas en canto servizos sociais.
Respecto da sanidade pública, que os socialistas están a defender coma piar do Estado de benestar fronte ao desmantelamento que padece por parte dos populares, criticou que o Executivo de Rueda se dedique a pechar centros de saúde porque “a atención primaria é para el secundaria”.
Nese contexto, o líder socialista censurou que, “en lugar de aproveitar os fondos europeos que lle entregou Pedro Sánchez”, o tamén presidente do PP galego “autonomeouse xefe en Galicia da oposición ao Goberno de España”.
Respecto da bagaxe lexislativa dos populares no período de sesións que acaba de rematar, José Ramón Gómez Besteiro recordou que “a única acción que impulsaron foi para privatizar os recursos naturais de Galicia”, en referencia á norma que o Goberno galego presentou no Parlamento autonómico o pasado 25 de xuño.
“Poña o traxe de presidente e empece a traballar”, insistiulle o secretario xeral do PSdeG a un Rueda ao que equiparou hoxe con “menos crecemento, menos dereitos e nula ambición de país”.