Salienta o proxecto de recuperación do entorno do Lérez Pontevedra Flúe, en sintonía cunha saída da crise baseada na rexeneración ambiental, a eficiencia enerxética e o cambio de ciclo económico
O delegado do Goberno visita Barro, Valga, Marín e Poio, onde pon en valor o acordo materializado polo Consello de Ministro para ampliar a depuradora de Paxariñas
O socialista José Ramón Gómez Besteiro respaldou o proxecto para Pontevedra deseñado por Iván Puentes, que “marca a estratexia para o futuro da cidade”. Besteiro visitou a cidade do Lérez, onde salientou a folla de ruta do candidato socialista acorde co proxecto do goberno de Pedro Sánchez para unha saída da crise baseada na rexeneración ambiental, a eficiencia enerxética e o cambio de ciclo.
O tamén delegado do goberno salientou o proxecto “Pontevedra Flúe” para a renaturalización e recuperación do entorno do Lérez, un proxecto que ten “as puntuacións máis altas na axenda do Ministerio de Transición Ecolóxica”. O proxecto, que será desenvolto con fondos propios do goberno, “marcará un antes e un despois” no entorno natural da cidade.
Subliñou ademais o proxecto do nodo do Parque de Bombeiros, unha infraestrutura “necesaria” que conta con 12 aspirantes a facerse co contrato e que presentou como exemplo de “investimento coherente” no mundo local, que terá apoio de fondos estatais e da UE.
Gómez Besteiro presentou o proxecto que encabeza Puentes como exemplo que “amosa que os socialistas teñen o proxecto na cabeza, saben como xestionalo e que o van desenvolver”. Situou no lado contrario a unha Xunta que é incapaz de aclarar o que ten feito cos 1.400 millóns de euros que tiñan recibidos “ata hai 15 días”, o que provoca a “sospeita de que non están investindo adecuadamente os cartos”.
EPICENTRO DE INVESTIMENTOS
O candidato socialista, Iván Puentes, sinalou pola súa banda que o proxecto do Lérez será o “epicentro dos investimentos do goberno de España nos próximos anos”, logo de acadar o respaldo do Executivo ao proxecto de reforma e integración do río na cidade.
Situou o proxecto como exemplo das “dúas actitudes” de cara ás próximas municipais, cun “PSdeG que colabora, que viaxa a Madrid, a Santiago ou a Bruxelas, que peta nas portas, que presenta proxectos e consegue cartos para a cidade”, que cifrou en máis de 30 millóns de fondos europeos en só catro anos.
Doutra banda, dixo, “un goberno que viva ensimismado na rúa Michelena, sen interlocución con Madrid e Santiago sen vontade de facer as xestións para beneficio de todos e que deixa as necesidades da cidade sen resolver durante “décadas”.
Defendeu un estilo de goberno centrado na “colaboración co resto das administracións públicas”, unha “vontade de boa relación coa Xunta que non se ve correspondida”. Lembrou que esta mesma semana tivo que ser a Zona Franca quen asumira a ampliación de 200.000 metros cadrados do Polígono Industrial de O Campiño porque a Xunta “negouse a atender a petición unánime do Pleno de Pontevedra.
DEPURADORA DE PAXARIÑAS
Dentro da axenda de campaña do PSdeG, Besteiro tamén fixo parada no municipio de Poio, onde mantivo un encontro co aspirante socialista á alcaldía, Gregorio Agís, e outros membros da candidatura, ante os que puxo en valor a acordo tomado polo Consello de Ministros para a urxente ocupación dos terreos nos que se levará a cabo a ampliación da depuradura de Paxariñas.
De seguido, o socialista lugués tamén mantivo diferentes encontros cos membros das candidaturas socialistas de Barro e Valga, logo de comparecen antes os medios co aspirante socialista á alcaldía de Marín, Manuel Pazos Lamoso, co que presentou o programa electoral.