O viaduto reconstruído na A6, unha infraestrutura fundamental para a mobilidade, volve estar operativa tras intensos traballos que priorizaron a seguridade dos usuarios. A xornada de inauguración, que tivo lugar esta mañá, comezou cun percorrido das autoridades polo viaduto intermedio e continuou cunha presentación técnica na carpa habilitada, onde se proxectou un vídeo explicativo sobre a actuación.
José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, destacou que “o Goberno cumpre con Galicia e faino con rigor, asegurándose de que as obras se leven a cabo con todas as garantías”. Tamén subliñou que “mentres o PP intentaba xerar incertidume e politizar este asunto, o Goberno traballou con dilixencia para que a infraestrutura estea de novo operativa”.
Besteiro comparou esta actuación coa xestión da Xunta na estrada autonómica do Courel, onde un derrubamento de apenas uns metros segue sen reparar tras anos. “A diferencia é clara: onde o Goberno de España actúa con eficacia, a Xunta permanece paralizada”, sinalou.
O líder socialista lembrou que “as grandes infraestruturas da provincia e de Galicia levaron sempre a firma de gobernos socialistas”. Neste sentido, destacou logros como a chegada do AVE a Galicia, as bonificacións na AP9, a reactivación da A54 entre Lugo e Santiago, ou a modernización do tren entre Lugo e Ourense, con investimentos superiores aos 500 millóns de euros. Tamén puxo en valor que “a estación intermodal de Lugo xa é unha realidade en marcha”.
“Con gobernos do PP, as infraestruturas paran; con gobernos socialistas, avanzan”, sentenciou Besteiro, quen garantiu que o PSdeG seguirá traballando para impulsar novas inversións en autovías, trens de cercanías e na gratuidade das peaxes. Ademais, esixiu ao PP que inste á Xunta a cumprir coas súa responsabilidades en materia de infraestruturas autonómicas.
“Os galegos poden ter claro que cos socialistas as obras non se detén, nin van parar a un caixón”, concluíu.