Chama ao voto “lembrando quen estivo atendendo aos problemas da xente” e “evitou unha traxedia case a nivel nacional” despregando unha rede de protección social, como vén de recoñecer a Rede Europa contra a Pobreza
José Ramón Gómez Besteiro visita Noia acompañando ao candidato socialista, Fran Pérez, que salientou a capacidade de interlocución do tamén delegado do Goberno co Estado
O socialista José Ramón Gómez Besteiro visitou hoxe Noia, onde reivindicou o escudo social despregado polo goberno para afrontar a post pandemia. Nun percorrido pola vila acompañando ao candidato socialista Fran Pérez, emprazou a votar o próximo domingo “lembrando quen estivo atendendo aos problemas da xente”.
O tamén delegado do Goberno en Galicia alertou do risco de que o voto do próximo domingo “pode facer desaparecer” a rede social despregada polo Estado, que depende dunha “conexión fundamental coa rede municipal” que representan os candidatos socialistas como no caso de Noia. Foron eles, lembrou, os encargados de “defender e xestionar os intereses e os dereitos dos veciños e das veciñas”.
O responsable socialista lembrou a importancia da Lei de Pesca Sostible para localidades costeiras como é o caso de Noia, onde as mulleres traballadoras no marisqueo a pé, as redeiras, bateeiras ou percebeiras están a ver como esta norma recoñece o coeficiente redutor que “lles ofrece mellor futuro e unha mellor xubilación”.
Este “escudo de obras, infraestruturas” e mecanismos de defensa social, dixo, vén de ser recoñecido pola Rede Europea contra a Pobreza. Esta entidade advertiu que, de non existir o conxunto de actuacións amparadas por unha administración potente para responder fronte á crise, “hoxe falaríamos de cifras espectaculares de pobreza” e practicamente dunha “auténtica crise e traxedia nacional”.
Contrastou o traballo do goberno e a aposta dos candidatos e candidatas socialistas por presentar proxectos e ideas para o futuro fronte a un goberno galego que “mira para outro lado” e retira a Tarxeta Básica en momentos de dificultades. Censurou que o PP teña centrado a campaña en “cousas que non lle preocupan á maioría dos galegos e das galegas” para agochar aos seus candidatos e a súa falla de proxecto.
Noia
O candidato socialista á alcaldía de Noia, Fran Pérez, recoñeceu o traballo de Besteiro como interlocutor co Estado e o compromiso de intensificar esta tarefa en beneficio de concellos como o de Noia. Pérez defendeu o proxecto socialista baseado no desenvolvemento económico e en aproveitar a potencialidade desta vila costeira.
Propuxo converter o Concello nun “axente dinamizador” da economía local e que facilite o investimento, mentres en segundo lugar desenvolva o turismo como eixo fundamental que ata o momento “non ten sido explotado correctamente”. Salientou as potencialidades da vila polo seu patrimonio histórico e natural, así como pola súa gastronomía, e reivindicou o seu recoñecemento dentro do Camiño de Santiago.
Finalmente apostou por desenvolver o chan industrial en Noia logo de 30 anos nos que “non foi desenvolto un só metro” dun recurso “absolutamente necesario”. Lembrou que o PXOM non foi aprobado cando faltaba tan só a aprobación definitiva, e propuxo aprobar o documento a lo menos de forma parcial, habilitando a disposición do dito chan industrial.