Elena Espinosa pediralle á Xunta que vaia á orixe do problema das agresións aos sanitarios e reforce a plantilla de persoal para reducir as listas de espera e o malestar dos usuarios
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, esixiralle a Rueda que “dea un paso” para abandonar a posición do “non” á condonación de 4.010 millóns de euros de débeda imposta por Génova e acepte unha medida positiva para os galegos e as galegas. A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, explicou logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que Besteiro centrará a sesión de control do próximo Pleno na situación financeira de Galicia.
Espinosa comezou a súa intervención lembrando á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, falecida esta fin de semana, de quen dixo que representaba “á perfección” o espírito do exercicio da política con vocación e entrega como “a mellor ferramenta para transformar a vida da xente”.
Subliñou que o Rueda está a prexudicar aos galegos e galegas ao negarse a aceptar unha condonación da débeda que permitiría liberar recursos para sanidade, educación, dependencia ou o transporte competencia da Xunta. A responsable socialista reclamoulle ao PP que “poñan a cabeza no que teñen que poñela”, antes de reclamar que “pensen menos no que lles ordenan dende Génova e máis nos galegos e as galegas.
A responsable socialista defendeu o criterio poboacional empregado polo goberno central para fixar o reparto da condonación da débeda, que resulta “xusto para Galicia e para o resto das comunidades autónomas”. Por iso advertiu que o presidente da Xunta “primeiro” ten que aceptar a condonación “e despois poñerse a traballar en temas como o financiamento de Galicia”.
Elena Espinosa sinalou que os socialistas levarán unha pregunta oral sobre o incremento das agresións a persoal sanitario ao próximo Pleno do Parlamento, logo dun encontro que mantivo hoxe mesmo con representantes do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. A tamén portavoz de Sanidade reclamoulle ao goberno galego que vaia “á raíz” do problema e reforce o persoal sanitario para reducir as esperas e mellorar a atención.
Denunciou que os responsables de Sanidade do goberno galego e a propia xerencia do centro “sigan sen escoitar nin poñerse en comunicación directa co persoal afectado” por estas agresións para escoitar a realidade do día a día que está a vivir este persoal.
Vivenda e igualdade
O Grupo Socialista interpelará á conselleira de Vivenda para reclamarlle que exerza as súas competencias e dedique recursos propios para reforzar o Bono Alugueiro Mozo, que actualmente está a ser financiado exclusivamente con fondos estatais. Explicou que os 13 millóns de euros anunciados polo presidente da Xunta proceden na súa maior parte das achegas do Estado -11,4 millóns- complementados con 1,6 millóns de remanentes de anos anteriores.
Lamentou que o goberno galego non faga “absolutamente nada por darlle solución” aos problemas dos mozos e mozas de Galicia por atopar vivenda, mentres a Xunta pon atrancos a controlar os prezos coa declaración de zonas de vivenda tensionada. Ademais deixaron de executar o 90 por cento do programa de acceso á vivenda no III trimestre de 2024, co que xa suman 270 millóns de euros sen gastar en materia de vivenda dende o ano 2009.
Anunciou que os socialistas galegos levarán ao próximo Pleno dúas proposicións non de Lei en materia de Igualdade para reclamar en primeiro lugar un Plan de Choque para eliminar a fenda salarial e o teito de cristal das mulleres galegas.
Sinalou que hoxe tan só 3 de cada 10 directores ou xerentes son mulleres, e as traballadoras teñen que soportar unha dobre discriminación por ser muller -cobran unha media de 20.840 euros polos 25.527 dos homes- e galegas -cobran un 2 por cento menos que as mulleres no resto do Estado-.
Ademais, levarán unha iniciativa cunha serie de propostas para avanzar na igualdade real entre mulleres e homes e superar a violencia machista poñendo o foco na formación en materia de igualdad para todo o persoal dos poderes públicos, intensificando as campañas e programas de concienciación social e garantindo protocolos de detección actualizados para os profesionais da educación, sanidade, corpos de seguridade, xustiza e nos ámbitos laboral e social.
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha pregunta oral do Grupo Socialista para que o conselleiro do Medio Rural dea conta das medidas tomadas para valorar o impacto da expansión do xabaril en Galicia e as posibles medidas para frealo facendo uso das súas competencias.