O secretario xeral do PSdeG sinalou desde unha explotación leiteira de Guntín o potencial do sector primario como motor para combater a crise demográfica e apostou por impulsar a transformación da produción para xerar valor engadido “e riqueza que quede en Galicia”
O líder socialista anunciou que a próxima xornada do ciclo “Diálogos con Raíz” estará centrada no sector primario do interior de Galicia e que se celebrará este sábado en Lugo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe en Guntín investimentos públicos para eliminar as desigualdades entre o rural e as zonas urbanas. Desde a SAT Villamayor de Negral, unha explotación leiteira de arredor de 400 vacas, reivindicou o potencial do sector primario como motor económico e chamou a impulsar a transformación da produción para crear valor engadido “e xerar riqueza que quede en Galicia”, ante un mercado que obriga aos gandeiros a vender o leite a prezos máis baixos que noutras comunidades autónomas.
“Temos que impulsar o poder industrial da produción do sector primario. Ese é o salto que temos que dar”, asegurou sobre o aspecto económico dos “déficits” que padecen os concellos menos poboados. A iso uniu a necesidade de “mellorar o mapa das comunicacións, das infraestruturas e dos servizos públicos en xeral”, co fin de xerar “capacidade de atracción” e a continuidade das explotacións. “Temos que impulsar esa remuda xeracional”, remarcou.
“Pero temos que facer atractiva a vida no medio rural para ser capaces de mudar a situación”, insistiu o líder socialista, que subliñou a incidencia de problemas como a falta de centros de atención primaria, médicos, pediatras ou colexios sobre “a evidente perda de poboación, a desocupación ou o avellentamento”. A iso uniu cuestións que afectan directamente ás explotacións, como a dificultade para dimensionalas ante a falta de impulso ás concentracións parcelarias en moitas zonas. “Esa é a desigualdade que se está vivindo nunha parte de Galicia, da Galicia real, por falta de investimento”, afirmou Besteiro.
José Ramón Gómez Besteiro explicou que “só cunha política dirixida ao medio rural se poderán superar esas desigualdades, que se dan na Galicia real e que o Partido Socialista quere mudar”, para o que instou á Xunta a mobilizar investimentos públicos.
Durante a súa visita á explotación, na compaña de socios da SAT, do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e da deputada autonómica Lara Méndez, Besteiro avanzou que a próxima xornada do ciclo “Diálogos con Raíz” estará centrada no sector primario do interior de Galicia. Celebrarase este sábado en Lugo e nela participarán expertos do mundo académico, da empresa, das institucións, do ámbito sindical e do cooperativismo.
Entre outros relatores, contarase co presidente do Consello Sectorial de Leite e Productos Lácteos de Cooperativas Agroalimentarias de España, Daniel Ferreiro; o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; a directora da Politécnica de Lugo, Rosa Romero; a presidenta de LugoMadera, María del Carmen Gayoso; o director de operacións do Grupo Lence, Jesús García; o conselleiro de Ordanación do Territorio de Asturias, Alejandro Calvo, e o alcalde de Ribeira de Piquín e secretario de Medio Rural do PSdeG, Roberto Fernández.