O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta sinala que “todo o goberno exercerá de galego a diferenza de Feijóo e Rueda, que votaron ata en contra da lingua”
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, salientou o “compromiso total” do novo goberno de Pedro Sánchez con Galicia. O responsable socialista, que formou parte do equipo negociador dos acordos de investidura, asegurou que “todo o goberno, co presidente á cabeza, exercerá de galego”.
Besteiro salientou o papel da vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, que e “a mellor ministra de Economía que tivo España” e que o acompañou no primeiro acto como candidato oficial á Xunta de Galicia, que é unha das dúas vicepresidentas de orixe galega. Sinalou que Calviño é “unha coruñesa admirada en toda Europa” e que, engadiu, “sempre leva Galicia alí onde exerce”.
Subliñou que “máis alá das dúas vicepresidentas galegas, o importante son as políticas”, que augurou que estarán centradas en Galicia, e que contrastou coa traxectoria de Feijóo e Rueda, que “votaron ata en contra do galego” cando o Congreso debateu o uso das linguas cooficiais.