O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista O PSdeG alerta de que o encarecemento da vivenda está a converter á mocidade nos novos pobres, e propón un Banco Público de Alugueiro para mobilizar 5.000 pisos a prezos xustos con garantías para propietarios e inquilinos
Gómez Besteiro anunciou que o PSdeG situará á mocidade como unha das grandes protagonistas do Debate do Estado da Autonomía, “con propostas ambiciosas para garantir vivenda, traballo e futuro”
O voceiro parlamentario do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrou esta mañá a súa intervención ante os medios nun dos temas que, a xuízo dos socialistas, debe ocupar o centro do Debate do Estado da Autonomía: a mocidade galega, “unha xeración totalmente esquecida polas políticas do Partido Popular”.
“Temos a xeración mellor preparada da historia, á que o PP leva máis de 15 anos condenando á precariedade e Rueda, que leva todos eses anos no Goberno, non fixo absolutamente nada para mudar esta situación”, denunciou Besteiro.
Deste xeito, o líder socialista explicou que a primeira gran proposta que o PSdeG defenderá no debate é a posta en marcha dun Plan de Primeira Oportunidade, deseñado para facilitar a inserción laboral da mocidade galega con contratos estables.
O plan contemplaría un investimento de 100 millóns de euros anuais, que se executarían en colaboración co tecido empresarial galego. Esta medida permitiría incorporar ao mercado laboral a máis de 42.500 mozos e mozas actualmente desempregados, cunhas condicións que lles dean estabilidade e expectativas de futuro.
“Non só é unha medida viable: é necesaria. E é cuestión de prioridades. A Xunta deixou de ingresar o dobre deses 100 millóns ao rebaixar o imposto de patrimonio a quen ten máis dun millón de euros”, dixo Besteiro.
As mozas e mozos galegos, os novos pobres
O secretario xeral dos e das socialistas galegos advertiu que a combinación de alugueiros inasumibles, salarios baixos e falta de expectativas está a crear unha nova clase social: a dos traballadores pobres.
“Cando máis da metade do teu salario vai destinado ao alugueiro, é imposible chegar a fin de mes. A mocidade galega converteuse nos novos pobres, e o PP, con Rueda á cabeza, é o único responsable de que cheguemos a esta situación”, asegurou.
Por iso, a segunda proposta do PSdeG céntrase no acceso á vivenda, que segue sendo un dos principais obstáculos para a emancipación da mocidade. Os socialistas propoñen a creación dun Banco Público de Alugueiro, que permitiría mobilizar 5.000 vivendas baleiras de maneira inmediata a prezos xustos e con garantías para propietarios e inquilinos.
Segundo datos da propia Xunta, a mocidade galega destina máis da metade do seu salario ao alugueiro e no caso da compra de vivenda, o esforzo chega ao 40 % da renda anual. Isto provoca que o 60 % dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos segue vivindo cos seus pais.
“O mercado non resolve este problema. Por iso é necesario que a administración actúe. O PP deixou pasar os anos sen mover ficha, mentres as xeracións máis novas quedaban sen oportunidades para iniciar un proxecto de vida”, advertiu.
Besteiro resumiu a proposta do PSdeG nun triplo compromiso: vivenda, traballo e futuro. “Non é só cuestión de darlles motivos para quedar. É tamén cuestión de que teñan motivos para volver”, afirmou.
Unha oposición construtiva que ofrece alternativas reais
A preguntas dos xornalistas, o voceiro socialista avanzou tamén cal será o papel do PSdeG no Debate do Estado da Autonomía: “Somos oposición, pero unha oposición útil e construtiva. Levamos un ano interpelando á Xunta con propostas realistas e serias. Pero que non nos pida Rueda que non critiquemos: porque o que non imos facer é calar ante 16 anos de fracasos”.
“Se o presidente pensa que vai pasar o debate sen escoitar crítica ao abandono da mocidade, ao desastre en vivenda ou á parálise industrial, está moi equivocado. “Nós imos facer oposición, pero para mellorar Galicia”, concluíu.
Besteiro abordou tamén a necesidade de situar a política industrial galega nun marco estratéxico europeo. “Europa está apostando pola reindustrialización, e Galicia non pode quedar atrás. Temos unha oportunidade histórica para recuperar emprego de calidade e reducir as desigualdades salariais co resto do Estado”, explicou.
O líder socialista insistiu en que os proxectos industriais estratéxicos deben ser debatidos no Parlamento, con máxima transparencia e consenso, e reclamou unha aposta decidida pola diversidade forestal e a transformación da madeira como motor económico. “A riqueza de Galicia está na diversidade produtiva e na capacidade de transformar o que producimos”, afirmou.