O líder dos socialistas galegos mantén un encontro na Coruña co presidente da RAG, Víctor Freixanes
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo hoxe un Pacto Transversal pola Lingua para “recuperar o consenso da lingua” que o PP rachou definitivamente en 2010 e que provocou que o castelán superara ao galego como lingua máis empregada en Galicia dende 2021. Así o dixo antes dun encontro co presidente da Real Academia da Lingua, Víctor Freixanes.
Besteiro chamou a superar os desencontros provocados polo PP ao rachar primeiro o consenso en torno ao Plan de Normalización, que continuou co Decreto do Plurilingüismo imposto en 2010 e culminou coa negativa de Feijóo a unirse ao acordo para recoñecer ao galego como lingua oficial no Congreso. Apostou por “abrir unha nova etapa de acordo e man tendida en torno á lingua”, que será un dos grandes eixos da acción política do PSdeG nesta Lexislatura.
O responsable socialista emprazou a Rueda e ao PP a recuperar o consenso en torno ao Plan de Normalización para dotalo economicamente e desenvolver política singularizadas para reverter a perda de galego falantes. Explicou que os socialistas comezaron polo encontro de hoxe na RAG coa liña de ruta marcada dende o debate de investidura, onde propuxo un acordo pola lingua porque “os socialistas colaboramos para construír e non para destruír”.
No plano político, o líder dos socialistas galegos reclamou o apoio do PP á iniciativa presentada polos socialistas galegos no Parlamento de Galicia, e que será presentada tamén no Parlamento Europeo, para que o galego sexa lingua oficial recoñecida nas institucións, como é no Congreso. Quere darlle continuidade e levar ao Parlamento Europeo o acordo pechado o ano pasado para que o galego poida falarse na Cámara Alta, do que o PP se descolgou co seu voto en contra.
Gómez Besteiro emprazou así a un gran acordo para “recuperar vellos consensos e colaborar en construír da man do PSdeG e non na destrución”, para permitir volver a sumar galego falantes logo de anos de perda de presenza da lingua polas políticas do PP.
Besteiro e Freixanes visitaron as instalacións da RAG no Polígono de Pocomaco na Coruña acompañados polos portavoces de Lingua e Cultura do PSdeG, Silvia Longueira e Julio Abalde, e o vicesecretario e coordinador do seminario de sociolingüística, Henrique Monteagudo.
Eleccións europeas
En resposta a preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos fixo un balance positivo das eleccións europeas de onte, nas que o PP, que quedou moi por debaixo das súas propias expectativas, sumou un dobre fracaso no seu plebiscito ao presidente do goberno e na estratexia de frear á ultradereita, que “lonxe de freala, aumenta expectativas e resultados”.
Dixo que estes comicios demostran que os socialistas son “a única forza verdadeiramente capaz de frear á ultradereita” e evidencian que a política “do fango e de revolverse no máis baixo da democracia” que representa o PP “non é positiva e non ten resultados positivos”.
Con relación aos resultados en Galicia, apuntou que malia á “obvia” caída de sufraxios dos socialistas galegos, estes son a referencia da esquerda no Parlamento Europeo cun 27 por cento dos votos, que os sitúa nunha “liña positiva” e que referenda “a quen defendemos Europa dende os postulados da esquerda”.
Obras da RAG
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, foi o anfitrión da visita á sede provisional da RAG no Polígono de Pocomaco, na Coruña, mentres teñen lugar as obras de remodelación da sede na rúa Tabernas, que lembrou que son financiadas polo Ministerio de Cultura e o Goberno de España. Freixanes agradeceu a actuación, da que informou a Besteiro, e que rematarán nun “prazo razoable” de pouco máis dun ano.