Critica o voto do PP en contra do uso do galego no Senado, logo de negarse no Congreso, no Parlamento Europeo e mesmo no Parlamento de Galicia
José Ramón Gómez Besteiro reclamou hoxe un Pacto pola Lingua con consenso das forzas parlamentarias para modernizar e reforzar o investimento do Plan de Normalización para reverter a perda de galegofalantes. Así o dixo no acto de conmemoración do Día de Rosalía organizado no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O responsable socialista emprazou a aproveitar a nova Lexislatura para “sumar esforzos de tódolos partidos e aumentar a potencia” da lingua galega e reverter a tendencia de perda de galegofalantes. Besteiro puxo sobre a mesa esta proposta para integrar aos representantes políticos e á sociedade civil, coa participación das principais institucións e entidades vencelladas á lingua galega.
Gómez Besteiro fixo criticou o voto do PP de novo en contra do uso do galego nas institucións estatais, “e xa é a cuarta vez”. Aludiu á negativa do PP a reformar o Regulamento do Senado, que é a Cámara de representación territorial, para incorporar o uso do galego a tódolos debates, como está a suceder no Congreso.
Lembrou que o PP tamén se negou no Congreso a permitir o uso da lingua propia de Galicia nas sesións parlamentarias logo dun debate o pasado mes de setembro no que foi precisamente Gómez Besteiro o primeiro parlamentario que empregou o galego na Cámara Alta. Tamén votaron en contra das iniciativas para pedir a normalización do uso da lingua presentadas no Parlamento de Galicia e no Parlamento Europeo.
José Ramón Gómez Besteiro fixo estas declaracións aos medios con motivo do acto de conmemoración do Día de Rosalía -que se celebra na data do seu nacemento, o 23 de xaneiro- organizado hoxe sábado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en San Domingos de Bonaval, fronte ao sepulcro da escritora galeguista.
O responsable socialista salientou a figura da intelectual galeguista, á que cualificou como “referente adiantada ao seu tempo” como escritora e como feminista defensora da igualdade entre homes e mulleres, así como polo seu papel fundamental no Rexurdimento que puxo fin á “etapa escura do galego”.
Besteiro acudiu acompañado da cabeza de lista por A Coruña, Patricia Iglesias, o número 2, Julio Abalde, e o secretario xeral do PSdeG de Santiago de Compostela, Aitor Bouza.