Defende a posición de Vigo como “referente de cidade líder” a nivel nacional e internacional e compromete coordinación coa área urbana entre Concello, Zona Franca, Goberno de España e Xunta para “facilitar o seu traballo e apoiar ás empresas e á industria”
O candidato socialista integrará Universidades, Ciencia e Innovación nunha mesma Consellería e anuncia unha nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación no primeiro ano de mandato
Vigo, 16 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón González Besteiro, presentou hoxe en Vigo os eixos do seu proxecto económico para facer de Galicia “locomotora” e superar o papel de “furgón de cola” no que a ten sumido 15 anos sen política industrial na Xunta. Besteiro presentou a proposta no xantar – coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia baixo o título “Galicia, Horizonte 2030”, que foi presentado polo alcalde da cidade, Abel Caballero, diante de 110 empresarios e empresarias.
O candidato socialista detallou un proxecto dirixido a crear un ecosistema económico conformado pola enerxía, a rede laboral, un tecido empresarial forte e unha rede social no que a administración exerza como “garante” e “nunca como obstáculo ou rémora”. Sinalou neste sentido que a súa política económica terá como primeiro obxectivo reter talento e atraer máis capital humano cualificado.
Chamou a superar a “anomalía galega” na que a xestión do PP ten sumido esta Comunidade Autónoma, que fixo que abandonara a senda de crecemento do resto do Estado para provocar a perda de poboación, emprego e capacidade produtiva.
Besteiro anunciou que o seu goberno contará cunha Consellería integrada de universidades, ciencia e innovación, así como unha axencia que agrupe os investimentos en innovación e promoción económica. Ademais, comprometeuse a aprobar unha nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación no primeiro ano de mandato, co compromiso de incrementar o investimento en I+D.
Advertiu que a norma autonómica en vigor remítese a 2013 e está desactualizada con respecto á Lei estatal de 2022, nun “mundo esixente no que 10 anos é perder o ritmo do futuro”. Sinalou ademais que “non podemos permitirnos perder o talento feminino en postos de responsabilidade empresarial”, e engadiu a necesidade de potenciar a FP estendendo o modelo de ensino dual a todos os ciclos formativos da FP.
Enerxía e política industrial
Gómez Besteiro presentou á enerxía como un dos puntais estratéxicos do seu proxecto económico, superando dunha vez a xestión dos gobernos de Rueda e do PP, que comezou parando en seco a eólica en 2009 e deixando a Galicia sen planificación enerxética. Advertiu que Galicia “precisa dun goberno decidido e ben relacionado que impulse sen medo o noso papel no mundo” como “actor principal”.
O líder socialista apostou pola “ambición renovable”, que garanta un despregue “ordenado e planificado” que teña en conta aos axentes sociais e territoriais nun desenvolvemento harmonioso dos proxectos renovables. Besteiro ratificou “da A á Z” o Pacto polo Eólico configurado polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e defendeu o impulso da biomasa e biogás, o hidróxeno verde e un plan galego solar.
Chamou a superar a total falla de política industrial do goberno galego -que provocou a perda de máis de 2 de cada 10 empregos no sector nos últimos 15 anos- e reivindicou un despegue industrial con traballos de calidade, ben retribuídos, ao calor da abundancia enerxética de Galicia. Apostou tamén por fortalecer ás Pemes galegas para que medren e configuren un tecido robusto.
Rede social, seguridade xurídica e colaboración coa empresa
Defendeu unha rede social “que garanta a calidade e a paz social” grazas ao papel da Xunta, que debe garantir ademais o acceso á vivenda accesible. Reclamou seguridade xurídica logo dun PP convertido nun “obstáculo” para a innovación e a creación de empresas xerando incertezas pola excesiva carga burocrática e normas ineficaces, como a Lei do Litoral, o freo aos proxectos eólicos ou a perda de fondos europeos.
Finalmente, avogou polo papel do goberno galego como “partner” do mundo empresarial, como un “acompañante activo e dinamizador”, que empregue as cláusulas sociais na contratación ou o fomento da economía social como pancas de transformación. Confirmou que o goberno galego debe garantir o despregue das infraestruturas imprescindible para o despegue económico de Galicia.
Dixo que o papel do goberno galego debe garantir “certeza” nas contas públicas, cunha Facenda pública “estable, solvente e saneada”, lonxe do papel de “vítima” ao que a relegou o PP na condonación da débeda do FLA e mais “dirixida a maximizar os beneficios”.
Vigo como referente
O candidato socialista presentou un catálogo de propostas dirixidas a Vigo, que presentou como “referente de cidade líder” a nivel nacional e internacional da man do seu alcalde, Abel Caballero. Comprometeuse a superar o papel dun goberno galego que co PP se posicionou como obstáculo para pasar a ser garante da coordinación entre Concello, Zona Franca, Goberno de España para “facilitar o seu traballo e apoiar ás empresas e á industria”.
Besteiro comprometeuse a garantir a conexión do FFCC de alta velocidade a Madrid por Cerdedo, a conexión ferroviaria Vigo – Lisboa, a chegada da autovía cun túnel baixo Mos que una Porriño coa cidade e a equiparar as axudas do aeroporto. Defendeu a chegada da plataforma STLA Small de Stellantis, garantir que siga sendo a capital europea de pesca e a chegada do Perte do naval.
Tamén apostou polo apoio á dixitalización e modernización do sector conserveiro, e á creación dun ecosistema emprendedor público – privado, ademais da aposta polo sector aeronáutico. O candidato socialista ratificou o apoio ao Nadal da cidade dende o goberno galego, e asegurou que a Zona Franca formará parte do Ifevi a semellanza do modelo integrado da Zona Franca de Barcelona co recinto feiral da cidade.
Gómez Besteiro asegurou a ampliación deste recinto para que Conxemar quede nunha cidade que co goberno socialista terá a garantía do novo sector dos semicondutores fotónicos, así como o impulso dos proxectos de hidróxeno verde na cidade. Dixo que a Xunta formará parte do novo estadio do Celta que está a desenvolver o Concello e liderará unha “auténtica política galega en Bruxelas” para defender á industria e o sector pesqueiro.