O líder dos socialistas recrimínalle ao presidente da Xunta que se negue á condonación da débeda: “Se o seu pago fose unha consellería, sería a terceira de maior orzamento. Máis que Política Social”
En canto ao recente anuncio da creación dunha comercializadora de enerxía, Besteiro asegurou que a proposta de Rueda non é nin pública, nin renovable, nin barata
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa intervención no Parlamento de Galicia, na réplica á comparecencia do presidente da Xunta, para lanzar unha contundente crítica á xestión de Alfonso Rueda. Besteiro lamentou que o goberno galego estea “desconectado” das verdadeiras preocupacións da cidadanía e que, no canto de ofrecer solucións aos problemas que afectan directamente ás galegas e aos galegos, se limite a facer “anuncios rimbombantes que non resolven nada”.
Besteiro foi claro ao describir a situación actual da comunidade. “Mentres vostede fala e fala, máis de 18.000 galegos están á espera dunha vivenda que poidan permitirse pagar, e cada día unha persoa morre agardando o recoñecemento da súa dependencia”, criticou. Nesta liña, acusou a Rueda de liderar un goberno que non só ignora estas urxencias, senón que reduce o orzamento destinado á dependencia nun 64 %, o que motivou que os responsables de servizos sociais cualificasen o executivo galego como “gobernantes sen alma”.
Ademais, Besteiro denunciou o colapso dos servizos públicos, con listas de espera inaceptables na sanidade, problemas de transporte público tanto no rural como nas áreas urbanas e a incapacidade da Xunta para executar os fondos europeos. “Sóanlle eses problemas? Escoitándoo aquí hoxe parece que non”, afirmou con rotundidade. Chamou tamén a atención sobre a situación financeira dos concellos, independentemente da súa cor política, alertando de que están ao bordo do colapso porque a Xunta lles carga competencias sen dotar os recursos necesarios. “Vostede invita, e eles pagan”, sentenciou o líder socialista.
No ámbito económico, Besteiro insistiu en que Galicia non segue o ritmo de crecemento do resto do Estado. A economía galega medra menos, pérdense empresas e a taxa de actividade é das máis baixas de España. Ademais, subliñou que Galicia foi a comunidade onde máis subiron os prezos este verán, o que agrava aínda máis a situación das familias galegas. “Pagamos máis pola compra, polo combustible e pola roupa que no resto do Estado. Por que non fala vostede disto, señor Rueda?”, retouno.
Outro punto clave da intervención de Besteiro foi a situación da débeda galega, que describiu como alarmante, xa que sobrepasa os 13.000 millóns de euros. “Se quixésemos pagar toda a débeda de Galicia, teriamos que usar o orzamento dun ano completo. Non lle parece importante, señor Rueda?”, preguntou. Ademais, indicou que o 10 % do orzamento anual de Galicia se destina a amortizar débeda, o que limita significativamente a capacidade de investimento en áreas clave como a sanidade e a atención á dependencia.
Besteiro lembrou que os socialistas impulsaron unha medida de condonación da débeda autonómica que Galicia podería aproveitar, pero que Rueda rexeitou. “Por que se nega a que nos condonen a débeda? Non sería esta unha oportunidade para mellorar a vida dos galegos e galegas?”, insistiu.
Política fiscal
Besteiro tamén abordou a cuestión dos ingresos, sinalando que a Xunta é responsable de xestionar mellor os seus recursos. Neste sentido, demandoulle a Rueda valentía para atender os problemas da cidadanía cun novo financiamento e reclamando máis capacidade fiscal para Galicia. “É o momento de que a Xunta asuma a responsabilidade dos seus impostos para que poidamos avaliar mellor e de forma máis xusta as competencias e os recursos que temos”, propuxo. Besteiro criticou que Rueda teña unha actitude contraditoria: por unha banda, pide máis recursos ao Estado, pero por outra, rebaixa os impostos ás rendas máis altas. “Non é sensato pedir máis coas dúas mans e logo liberar de impostos aos que máis teñen”, afirmou o líder socialista, que lle esixiu ao presidente galego que a súa política fiscal siga o camiño da corresponsabilidade.
Nesta liña, insistiu en que Galicia debe ter un modelo de financiamento que contemple as súas particularidades, como o envellecemento da poboación, a dispersión territorial e a situación xeográfica. Sinalou que o goberno galego ten a oportunidade de mellorar a súa posición con respecto á reforma do modelo de financiamento autonómico, mais Rueda parece actuar “como mandado de Feijóo” en vez de defender os intereses de Galicia.
“Nin pública, nin renovable, nin barata”
Outro tema candente da intervención do líder socialista foi o anuncio de Rueda sobre a creación dunha comercializadora de enerxía. O socialista tachou esta proposta de ser un “anuncio baleiro”, asegurando que non cumpre coas promesas de ser pública, renovable e barata. “Dixo renovable, pública e barata, pero non é ningunha das tres cousas. A Xunta só ten o 30 % e o resto está en mans de empresas privadas, incluíndo fondos de investimento e enerxéticas”, explicou. Segundo Besteiro, esta proposta non fará máis que consolidar o control de intereses privados sobre a enerxía, en lugar de beneficiar á cidadanía.
Ademais, acusou ao goberno galego de perder oportunidades no sector das enerxías renovables, onde Galicia está quedando atrás en favor doutras comunidades. “Cada día que pasa co seu goberno, Galicia perde presenza no sector eólico”, lamentou.
As propostas socialistas para o futuro de Galicia
Besteiro pechou a súa intervención ofrecendo alternativas claras e concretas para mellorar a situación de Galicia. Propuxo un plan ambicioso para mellorar a execución dos fondos europeos, que actualmente non están a ser aproveitados pola Xunta, así como un plan de investimento en I+D+i para facer as empresas galegas máis competitivas. Tamén destacou a necesidade dun Plan de Emprego para a mocidade, que permita xerar oportunidades laborais para os 42.500 desempregados menores de 35 anos en Galicia. “Un investimento de 100 millóns de euros anuais podería dar emprego a 25.000 mozos nunha lexislatura”, indicou.
No ámbito da Sanidade, Besteiro insistiu na necesidade de mellorar as condicións laborais dos profesionais para reducir as listas de espera e na importancia de construír máis vivenda pública para facer fronte á crecente demanda, especialmente entre a mocidade. “Hai 18.000 persoas no rexistro oficial de demandantes de vivenda pública en Galicia, pero en 15 anos de goberno do PP construíronse menos vivendas públicas que nos 4 anos do goberno socialista de Emilio Pérez Touriño”, destacou.
Finalmente, chamou a Rueda a “rectificar” e poñer os problemas reais dos galegos no centro da súa xestión. “Ten varias propostas enriba da mesa. Nós estamos dispostos a colaborar. Pero vostede debe exercer de presidente dunha vez por todas, sen esperar os WhatsApps de Feijóo para saber o que ten que facer”, concluíu.