O líder dos socialistas galegos sinalou que a falta de solo industrial dispoñible dificulta a chegada de novas empresas e investimentos: “Non podemos permitirnos que unha cidade co potencial de Pontevedra estea atascada por falta de espazo para medrar
Co respecto á AP9, Besteiro insistiu na necesidade de manter ese camiño á gratuidade iniciado polos socialistas, “onde demos xa grandes pasos ata chegar á bonificación do 75% dos peaxes”
José Ramón Gómez Besteiro destacou esta mañá en Pontevedra a importancia de aproveitar o potencial da cidade e da súa comarca como motor económico e industrial de Galicia, facendo especial fincapé na necesidade de ampliar o solo industrial e mellorar as infraestruturas clave. Así o dixo durante un almorzo con empresarios locais celebrado no Hotel Rías Bajas presentado polo portavoz municipal, Iván Puentes, e no que tamén estivo a secretaria local, Maica Larriba.
O líder socialista insistiu en que Pontevedra pode e debe despuntar como motor clave do sur de Galicia, “pero para iso fai falta planificación e unha aposta decidida por parte das administracións públicas.
Besteiro sinalou que actualmente Pontevedra carece de solo industrial dispoñible, o que dificulta a chegada de novas empresas e investimentos. “Non podemos permitirnos que unha cidade co potencial de Pontevedra estea atascada por falta de espazo para medrar. É imprescindible que a Xunta actúe con responsabilidade e cumpra coa ampliación do Polígono Industrial do Campiño, unha promesa que leva anos pendente”, afirmou.
Entre as solucións propostas, destacou o proxecto do “Porto Seco de Leborei”, que permitiría crear 500.000 metros cadrados de solo industrial estratexicamente situado, con conexións directas á Alta Velocidade, á AP-9 e ao Porto de Marín. “Esta plataforma sería un revulsivo para toda a comarca, convertendo a Pontevedra nun nodo de actividade industrial e loxística a nivel galego e peninsular”, explicou.
Precisamente co respecto á AP9 insistiu na necesidade de manter ese camiño á gratuidade iniciado polos socialistas, “onde demos xa grandes pasos ata chegar á bonificación do 75% dos peaxes e proximamente podería afrontarse xa o rescate.
Pontevedra debe atraer proxectos innovadores e empregos de calidade
Besteiro destacou tamén que a cidade ten unha oportunidade única para captar empresas vinculadas á transición ecolóxica e á economía verde; “Temos que saber explotar esa marca de sustentabilidade para atraer proxectos innovadores e empregos de calidade”, afirmou.
No ámbito das infraestruturas, o socialista defendeu varias medidas para reforzar a competitividade da cidade:
Rescate da AP-9: Besteiro apostou pola gratuidade do tramo Curro-Vigo, esencial para conectar os polígonos industriais de Barro-Meis e do Campiño, así como para reforzar a área metropolitana.
Rede de cercanías: Subliñou a importancia de crear unha conexión ferroviaria eficiente entre Vilagarcía e Vigo, cun billete integrado que facilite a mobilidade diaria e mellore a conectividade de Pontevedra e lembrou a ampliación de seis meses do bono gratuíto por parte do Goberno de España.
Ampliación da A-57 cara ao sur: Besteiro propuxo priorizar o tramo Vilaboa-Ponteareas, que permitiría conectar Pontevedra coa Meseta sen peaxes, fronte ás alternativas máis custosas defendidas por outros partidos.
Aposta polo liderado enerxético de Galicia
Na segunda parte da súa intervención, Besteiro fixo fincapé no potencial de Galicia como líder en enerxías renovables, especialmente na eólica, a biomasa e o hidróxeno verde. Criticou a falta de planificación e ambición da Xunta, o que “está a atrasar proxectos clave e a limitar o crecemento económico da comunidade. Galicia ten todo para liderar a transición enerxética en Europa, pero fai falta unha estratexia clara e unha xestión eficiente dos fondos europeos, que hoxe en día non se están aproveitando ao máximo”, asegurou.
Besteiro propuxo reforzar os investimentos en innovación, fomentar a colaboración público-privada e garantir unha planificación que permita aproveitar ao máximo os recursos naturais de Galicia.
Condonación da débeda e xustiza territorial
Besteiro tamén fixo referencia á condonación da débeda autonómica como unha medida necesaria para liberar recursos e afrontar con máis forza os retos futuros. “Galicia debe estar no debate nacional sobre a condonación da débeda. Non é só unha cuestión de xustiza territorial, é unha oportunidade para investir en sectores estratéxicos e fortalecer os nosos servizos públicos”, explicou.
Un modelo de futuro para Galicia e Pontevedra
O encontro rematou cun coloquio aberto cos empresarios asistentes, onde Besteiro reafirmou o seu compromiso co desenvolvemento sostible e equilibrado de Galicia. “Pontevedra ten que ser un referente, non só en Galicia, senón en toda España, combinando sustentabilidade, innovación e unha aposta decidida polo emprego de calidade. Galicia necesita máis ambición, e Pontevedra pode ser o exemplo de como facer as cousas ben”, concluíu.