O portavoz do Grupo Socialista ofrece propostas de pacto en vivenda, sanidade, desenvolvemento económico, defensa do galego e financiamento dos concellos
Reclámalle a Rueda que “poña os intereses de Galicia por riba da política de confrontación de Feijóo e do PP madrileño”
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024. O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe 5 grandes acordos de país para poñer en marcha un Plan de Vivenda, blindar a sanidade pública, a creación dun “ecosistema económico”, a defensa do galego e un Gran Acordo Local Galego. Besteiro fixo esta proposta na segunda xornada do debate de Investidura, no que anunciou o voto en contra á candidatura de Rueda, “conformista e acomodado”, que renuncia a acadar pulo político propio e centrado na busca de inimigos externos.
O responsable socialista dixo que “eu creo no meu país, e por iso vou traballar pola Galicia que verdadeiramente pode ser”, logo de explicar os cinco eixos da súa oferta de acordos, que comezan por un Plan de Vivenda coa construción de 2.500 vivendas públicas ao ano, un plan de rehabilitación de vivenda, duplicar o bono alugueiro, declarar zonas de mercado tensionadas e regular a proliferación de vivendas turísticas de acordo cos concellos.
En materia de Sanidade, reclamou un Plan Extraordinario de Contratación de profesionais sanitarios, optimizar o sistema de triaxe e garantir Atención Primaria en 48 horas para toda a poboación. O terceiro gran acordo pasa por crear un “ecosistema económico” con enerxía, empresas e industria con seguridade xurídica e apostando polo despregamento ordenado das renovables.
Reclamou ademais un acordo de país na defensa do galego para “compensar todo o dano que lle fixo o PP á nosa lingua”, ata o punto de que, explicou, “votaran en contra do uso do galego no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados, no Senado e que intentaran bloquealo na UE”. Finalmente, ofreceu un Gran Acordo Local Galego que remate cos problemas da infrafinanciación das competencias impropias, incrementando as contías do Fondo de Cooperación Local.
O portavoz socialista afeoulle a Rueda “falla de ambición imprescindible para ser un bo presidente”, e reclamoulle que “poña os intereses de Galicia por riba da política de confrontación de Feijóo e o PP de Madrid”. Esixiulle que empregue a investidura “non para ser delegado de ninguén, senón para exercer como presidente da Xunta, logo da decepción da primeira intervención, o pasado martes, centrada en empregar o debate para atacar ao goberno do Estado”.
Besteiro comprometeu unha oposición “firme, construtiva e responsable”, con “vocación de goberno” para despregar un modelo de goberno alternativo “sen buscar culpables externos nin inimigos inventados”. Subliñou que “entre Galicia e o Partido Socialista, non dubidaremos en elixir sempre os intereses dos galegos e galegas” actuando con “responsabilidade e ambición de país” e estando “á altura do que se precise”.