O secretario xeral do PSdeG defende que a explotación da mina de Doade está aliñada coa autonomía industrial que defende Europa, pero esixe todos os controis medioambientais
Ve factible a viabilidade económica do proxecto e considérao especialmente importante para Galicia pola súa vinculación a sectores coma o da automoción e o tecnolóxico
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe as grandes diferenzas entre a mina de Doade, en Beariz, e o proxecto de Altri para Palas de Rei. “O litio é estratéxico, pero a celulosa non”, asegurou como resumo dos argumentos que ofreceu en Santiago a preguntas dos medios de comunicación.
“Respecto de Altri, o Partido Socialista leva falando meses do financiamento e das axudas europeas”, recordou o líder socialista, que apuntou a análise económica coma unha das tres que precisa unha iniciativa desas características xunto coa ambiental e a social. “Coa mina de Doade facemos o mesmo. Por un lado está a cuestión medioambiental, e esiximos todos os controis e que os estudos se fagan con seriedade. En segundo lugar, pasamos á cuestión económica, e aquí si hai unha diferenza notable coa situación de Altri”, explicou.
Nese punto, Besteiro apuntou ao feito de que é unha explotación dunha materia prima estratéxica para reindustrializar con criterios de sostibilidade e contribúe “á independencia, á autonomía industrial e tecnolóxica que defende Europa”, especialmente na situación de “estrés internacional” que leva á UE a “reafirmarse” nese tipo de decisións. “Creo que a parte económica vai ser favorable”, dixo.
Por outra banda, destacou a importancia do litio para sectores coma o automobilístico, o naval ou o tecnolóxico, con gran implantación en Galicia.
Finalmente está a “cuestión social”, é dicir, o impacto que ese proxecto terá na xeración de emprego. “Polo tanto, hai diferenzas notables entre un e outro proxecto”, afirmou.
O líder socialista criticou ao Partido Popular por pedirlle ao Goberno “que non entorpeza o financiamento de Altri con fondos europeos”, pero tamén a do Bloque Nacionalista Galego, “que pide sen máis que non se lle dean axudas”. A diferenza de ambas formacións, o PSdeG defende “o que sempre dixo”, que, ao seu xuízo, “non existen razóns fundadas para, legalmente, conceder esas axudas”. Estamos na situación de coherencia que sempre defendemos en relación con un proxecto e outro”, concluíu Besteiro.