O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista lembrou que, pese ao que diga o PP; hoxe en Galicia hai xente que agarda 11 meses por unha cita en cardioloxía ou máis dun ano por unha revisión de endometriose
Besteiro subliñou o feito de que en Galicia aumentase máis dun 20% a poboación que suscribiu un seguro privado na última década: Vostede entende que isto é un problema ou en realidade este era o seu obxectivo?”
O líder socialista presentou propostas concretas para poñer remedio: garantir unha cita en 48 horas en primaria, integrar a saúde mental nos centros de saúde e blindar servizos estables nos hospitais comarcais
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, puxo voz este mércores no Parlamento aos milleiros de persoas que agardan por unha proba médica, unha cita cun especialista ou uns resultados que poden mudarlles a vida: “Mentres vostedes fabrican mentiras nos despachos, en milleiros de fogares viven angustiados as esperas sanitarias”.
“A angustia de quen non sabe por que espera meses para saber o que lle pasa é culpa súa”, denunciou Besteiro, que acusou directamente ao presidente da Xunta de ser coa súa xestión o responsable da incerteza, a dor e o medo que vive a cidadanía cando se enfronta a un sistema sanitario saturado, desbordado e sen horizonte de mellora.
“A incerteza de quen espera meses para facer unha proba que o médico lle dixo que era importante é culpa súa”, reiterou, lembrando que hoxe en Galicia hai xente que agarda 11 meses por unha cita en cardioloxía ou máis dun ano por unha revisión de endometriose.
Besteiro debullou datos alarmantes que retratan unha xestión sanitaria deficiente: 900 profesionais menos en atención primaria que hai 15 anos; Máis de 10 días de espera para unha cita no centro de saúde; Cinco meses de espera en saúde mental para unha primeira consulta; Os peores postos estatais en ratios de enfermeiras, fisioterapeutas, psicólogos e médicos; 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado…
Fronte a esta realidade, o líder socialista foi directo: “Cre vostede que a xente non identifica que antes esperaba menos por unha cita sanitaria?” E ironizou sobre as escusas do PP: “Paréceme estraño que hoxe non me diga que non temos máis médicos por culpa de Pedro Sánchez”.
Besteiro desmontou unha por unha as escusas do presidente da Xunta. Galicia non ten máis prazas de formación sanitaria porque non as solicita, as que convoca quedan vacantes porque ofrece malas condicións aos MIR, e todo iso é responsabilidade exclusiva do Goberno galego. “Non é un problema xeral. É un problema de calidade laboral e contratación. Competencia exclusiva e absoluta da Xunta de Galicia”, recalcou.
Ademais, rebateu outro dos argumentos do PP: “Falan de menos privatizacións que co bipartito, pero o Consello de Contas di o contrario. Hai partidas opacas que acaban derivadas á sanidade privada, ano tras ano. E vostede, señor Rueda, é quen as dirixe. De cousas como esta pode vir a explicación de que en Galicia aumentase máis dun 20% a poboación que subscribiu un seguro privado na última década: Vostede entende que isto é un problema ou en realidade este era o seu obxectivo?”.
O voceiro socialista tamén puxo enriba da mesa as propostas do PSdeG para reverter esta situación:
Garantir unha cita en atención primaria en 48 horas, ampliando plantillas, con equipos multidisciplinares e boa planificación; Vincular a saúde mental á atención primaria, achegando os servizos aos centros de saúde e rompendo as barreiras de acceso; ou Blindar un catálogo de servizos básicos nos hospitais comarcais, con profesionais estables e contratados para garantir continuidade asistencial.
“Temos propostas, temos solucións. Se vostede afirma que isto está tan ben, non terá problema en apoiar a nosa Proposta de Lei para garantir a atención en 48 horas”, retou ao presidente, concluíu Besteiro.