O candidato socialista á Presidencia da Xunta recorda que os demais partidos votaron en contra da suba do 8,5% que permitiu aos maiores pensións dignas.
“Co que quería o PP, os pensionistas tardarían 34 anos en igualar a suba aplicada polos socialistas só en 2023”.
Besteiro, que participou tamén nunha concentración en defensa da Sanidade no rural, considera que “a Atención Primaria precisa dunha nova estratexia que a recupere e prestixie”.
A Fonsagrada, 8 de xaneiro de 2024.- O candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Besteiro, mantivo hoxe na Fonsagrada un encontro cun cento de pensionistas e os alcaldes da Montaña luguesa, onde abordou a suba das pensións e a recuperación do poder adquisitivo dos maiores grazas ao incremento do 8,5% dos socialistas. “O maior aumento anual do sistema de pensións na historia de España”, apuntou, e engadiu que “co que quería o PP, os pensionistas tardarían 34 anos en igualar a suba aplicada polos socialistas só en 2023”.
Besteiro puxo de manifesto que desde a chegada dos socialistas ao Goberno, a revalorización das pensións en Galicia aumentou nun 25%. “Hoxe un xubilado medio en Galicia cobra 233 euros máis cada mes do que cobraba co PP no goberno de España, superando os mil euros (1.019) na pensión media en Galicia, 1.106 se nos referimos só ás de xubilación”. Na provincia de Lugo máis dun terzo da poboación (o 35%) recibe esta prestación, un total de 113.000 lucenses.
Unha suba contra a que votaron tanto o PP de Feijóo e Rueda como os demais partidos. “Nós cremos que as pensións, ademais de ter que ser dignas, son un dereito. Son un beneficio directo sobre o benestar das persoas e o sustento de moitas familias”.
“O investimento en pensións en Galicia é agora de 785 millóns de euros mensuais”, engadiu.
RUEDA SÁELLE CARO A GALICIA
O candidato socialista á Xunta engadiu que “mentres o PP baleirou o peto das pensións e meteu a man na caixa levando 74.500 millóns de euros entre 2012 e 2017, o cambio no sistema aprobado polos socialistas garante a súa viabilidade, xa que chegará a ter uns 120.000 millóns a principios de 2040”.
Tamén lembrou a iniciativa dos socialistas galegos á Xunta do PP para que aumentara o complemento autonómico das pensións non contributivas -que perciben unhas 37.000 persoas en Galicia- polo menos un 15% pero non chegaron subir nin a metade. Un complemento que tamén recordou foi implantado por un presidente socialista: Emilio Pérez Touriño. “Rueda sáelle caro a Galicia”, concluíu.
RECORTES NA SANIDADE
Besteiro, previamente participou na Fonsagrada nunha concentración en demanda de médicos para o seu Centro de Saúde convocada polos veciños e alcaldes da comarca.
Asegurou que con Rueda na Xunta a situación da sanidade no rural non fixo máis que empeorar, derivada da súa mala xestión. “Van xubilándose ou marchando médicos que non son substituídos e este escenario acaba co peche dos Centros de Saúde ás caladas. Isto foi o que pasou en Negueira de Muñiz”, puxo por exemplo, ”o que pasa hoxe na Fonsagrada e outras localidades da Montaña luguesa”.
O candidato socialista considera que “a Atención Primaria precisa dunha nova estratexia e dun forte compromiso por parte da Xunta para recuperar o prestixio e a importancia que ten na cadea sanitaria”.
Besteiro asegura que “ao pechar centros médicos nos pobos, Rueda fixa un país de dúas velocidades onde a xente do rural sempre perde”
Besteiro estivo acompañado polos alcaldes da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, Carlos López e José Manuel Braña, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto a outros alcaldes e voceiros da comarca.