O líder dos socialistas galegos acusa ao presidente da Xunta de desbotar medidas que benefician á cidadanía galega por priorizar a lealdade partidista sobre o benestar dos galegos e das galegas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a “actitude antigalega” de Rueda ao rexeitar a condonación da débeda anunciada hoxe polo goberno e que suporía 4.010 millóns de euros para Galicia. O responsable socialista lamentou a “falta de visión e de compromiso cos intereses do noso país” amosada polo presidente da Xunta.
Besteiro lamentou que o presidente da Xunta prefira “manter unha posición que prexudica os intereses de Galicia priorizando a lealdade partidista sobre o benestar dos galegos e galegas”. Con esta decisión, advertiu que o goberno galego “ignora as oportunidades” que pode ofrecer unha condonación da débeda para aliviar a carga financeira e liberar recursos destinados a mellorar os servizos públicos e as infraestruturas en Galicia.
O líder dos socialistas galegos critica que opte por poñer ao PP por diante da comunidade que goberna e advirte que o presidente da Xunta “vai ter moito que explicarlles aos galegos e galegas”, aos que deixa de atender pola súa “submisión” aos ditados do Partido Popular a nivel estatal.