O líder dos socialistas galegos anuncia que o PSdeG levará a tódolos concellos mocións en contra da suba do canon de Sogama
Critica o reparto de recursos “discrecional e partidista” da Xunta e anuncia unha ofensiva parlamentaria para garantir un financiamento local xusto e incrementar o Fondo de Cooperación Local
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembroulle hoxe ao presidente da Xunta que os galegos e galegas “necesitamos un goberno pendente dos retos, compromisos e necesidades do noso país”. Afeoulle así a Rueda estea “unicamente pendente de Xénova e de debates estériles” impostos por Feijóo e que “non teñen nada que ver con Galicia”.
Lamentou que o presidente da Xunta teña comezado o curso político “unicamente pendente de Madrid” mentres desatende as súas obrigas en Galicia, onde os galegos e galegas continúan padecendo as consecuencias de 15 anos de “mala xestión e políticas inxustas” do PP. Lamentou que o goberno galego continúe “desconectado do mundo real” dunha cidadanía enfrontada a un panorama “preocupante” dominado pola “incerteza e o desgaste”.
Criticou que a Rueda só lle preocupe “atacar ao presidente do goberno” mentres os galegos e galegas aguantan unha suba de prezos por riba do resto do Estado, que provoca “perda de oportunidades e capacidade de crecemento”. Aludiu a que o IPC continúa a aumentar en Galicia un 3,1 por cento, por riba do 2,8 por cento da media do Estado, na mesma liña dos últimos meses sen que o goberno galego estea a facer nada.
O responsable socialista presentou as principais liñas para o curso político que agora comeza, no que levarán ao Parlamento os problemas reais dos galegos e das galegas que teñen que afrontar un novo ano escolar cun gasto medio de 600 euros por familia porque o goberno de Rueda non quere recuperar a gratuidade dos libros de texto que implantara o goberno de Touriño.
Censurou a inacción fronte aos problemas nos servizos públicos como a educación e a sanidade, que demostra a “desconexión da realidade” dun PP que quixo facer o primeiro gran acto político do novo curso no concello de Cerdedo – Cotobade, protagonista polas queixas da cidadanía diante supresión do servizo de Pediatría. Esta situación da a medida da xestión do PP, que está a deteriorar ano a ano o que debera ser un piar fundamental do Estado do Benestar.
Lamentou que o período de sesións comece como rematou o anterior, coa falta de médicos e sen que o goberno galego cubra as baixas de profesionais, senón que prefire pagar o sobrecuste millonario do Hospital Álvaro Cunqueiro e continúa sen explicar as contratacións millonarias da sanidade pública galega con empresas moi preto da órbita do PP e do propio Feijóo.
Sogama
José Ramón Gómez Besteiro anunciou que, logo da negativa do presidente da Xunta a responder da suba do canon de Sogama, os socialistas galegos levarán a tódolos concellos unha batería de mocións para rexeitar o incremento deste canon, que vén a ser realmente un “novo imposto que se lle impón” dende a Xunta á cidadanía. Criticou esta suba de impostos encuberta dende o mesmo goberno galego que lle reduce os impostos ás clases máis podentes.
Acusou ao PP de erixirse como “campión das desigualdades” á hora de repartir recursos entre os concellos cun sistema “discrecional e partidista” segundo a cor política do alcalde ou alcaldesa. Anunciou neste sentido unha ofensiva parlamentaria para esixir “financiamento xusto e con criterios obxectivos”, para controlar a xestión do goberno galego e garantir que os fondos “sirvan para financiar aos concellos”.
Os socialistas galegos insistirán dende o Parlamento no incremento do Fondo de Cooperación Local, que vén de ser “minguado” polo PP ata que só representa unha parte ínfima dos recursos que a Xunta reparte entre os concellos.
En resposta a preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos incidiu de novo sobre a postura do PSdeG reclamando “unha financiación singular para Galicia”, que “ten que ter unha financiación axeitada” que atenda ás características de envellecemento, despoboación e dispersión poboacional, pero afastouse da fórmula do concerto económico que, dixo, “non é a mellor para Galicia”.