O candidato á Presidencia da Xunta asina xunto a Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas, o Programa Mozo que o PSdeG levará a Xunta.
Besteiro estrea o seu programa “Besteiro Directo” desde un piso con estudantes e presenta medidas para a mocidade de vivenda, transporte e saúde mental
O secretario xeral de XSG, Xurxo Doval, destaca que “este programa é a porta para que a xeración Z conte, e conte máis” e que veñen “a reivindicar a Galicia que tamén vive e padece o presente”
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024. José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á Presidencia da Xunta, comprometeuse este martes a impulsar un parque de vivenda pública o suficientemente amplo para que “ningún mozo ou moza teña que destinar máis do 30% do soldo a pagar a casa”. O candidato asinou este martes o programa mozo das Xuventudes Socialistas de Galicia co que Besteiro co que busca “recuperar o futuro que o PP roubou á xente nova do noso país”.
Besteiro realizou a primeira edición do programa “Besteiro Directo”, cunha charla informal a través das súas redes sociais, nun piso de estudantes de Santiago, emprazamento que serviu para denunciar as dificultades da xente nova para acceder a unha vivenda asequible en condicións dignas. O candidato estivo acompañado de representantes das Xuventudes Socialistas de Galicia, en particular, co seu secretario xeral, Xurxo Doval, no que presentaron as medidas promovidas por dita organización xuvenil que serán asumidas polos socialistas galegos a maiores do seu programa electoral de cara ás eleccións autonómicas. Antes do encontro, achegouse á entrada da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur, onde militantes das XSG estaban a realizar un reparto electoral.
Apuntou que neste programa recollen medidas para o que son “os cabalos de batalla” de ambas organizacións e da mocidade en Galicia, como son solucionar a problemática do acceso á vivenda, do acceso á saúde mental e as deficiencias do servizo de transporte metropolitano. “Estas son políticas claras e decididas por darlle un futuro á xeración mellor preparada da nosa historia”, afirmou un Besteiro que reiterou que “os socialistas somos un partido comprometido co progreso e dóenos ver como se foi para atrás nalgúns ámbitos por culpa da falla de políticas do PP, que o deixan todo á sorte do mercado”.
“EMANCIPARSE ANTES DOS 30, UN LUXO”
En concreto, o socialista referiuse ao “abandono da política de vivenda”, co que “fixeron que hoxe en día sexa un luxo poder emanciparse antes dos 30 anos, aínda tendo traballo”. Entre as medidas que recolle este programa mozo no ámbito da vivenda está un Plan de Emancipación Xuvenil, habilitar un portal de vivenda para a xente moza facilitando información sobre ofertas e os seus dereitos, ou incrementar a oferta a través dun plan de rehabilitación de vivendas baleiras, que nesta comunidade chegan a 30.000.
Tamén atendeu ao dereito á saúde mental, xa que para Besteiro estamos ante a necesidade de despatoloxizala e entender que non pasa nada por ir a terapia”. Neste ámbito, propoñen medidas, a maiores das recollidas no programa do PSdeG, como son a prestación de servizo de atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación ou o Impulso dun novo Plan Galego de Saúde Mental, ambas contando ambas con dotación económica axeitada para o seu correcto funcionamento.
RECUPERAR O TRANSPORTE METROPOLITANO
O transporte metropolitano é o terceiro dos asuntos que máis preocupan á organización xuvenil e a Besteiro, sendo que “as deficiencias no transporte en Galicia limitan as oportunidades de milleiros de persoas, é un aspecto estrutural que define o lugar onde vive e onde traballa, a configuración do día a día de estudantes e traballadores de todo o país”, remarcou o candidato. Neste campo, propoñen a expansión dende os 21 ata os 30 anos da Tarxeta Xente Nova, que leva aparellada a gratuidade nos traxectos, así como habilitar a posibilidade de expedila de maneira online.
“QUE A XERACIÓN Z CONTE NO PRESENTE”
Pola súa banda, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia e candidato nº 5 pola provincia de Ourense, Xurxo Doval, declarou que “este programa é unha declaración de intencións. O 18F acabouse vivir con humidades; quedarse tirado porque non pasa o autobús; ou deixarse 70 euros nun psicólogo porque non hai alternativa no sistema público”.
Para o líder da organización xuvenil do PSdeG, “este programa é a nosa carta de presentación, a porta para que a xeración Z conte, e conte máis, no Parlamento e na Xunta de Galicia”. “Sen paternalismos, vimos a reivindicar a Galicia que tamén vive e padece o presente”, remarcou Doval.
O programa tamén está centrado en medidas concretas de loita contra a discriminación sufrida polas mulleres e polo colectivo LGTBI. Do mesmo xeito, ofrece alternativas para a xente moza do rural, que ten problemáticas que en ocasións difiren das dos ámbitos urbanos, especialmente no relativo da oferta laboral para desenvolver o seu proxecto de vida nos seus lugares de orixe, así como diversas propostas focalizadas en municipios concretos.