Elena Espinosa acusa ao PP de “enganar” co incremento do canon de Sogama, que deriva directamente da mala xestión de residuos por parte da Xunta
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interpelará na próxima sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, polo sobrecuste relacionado coa construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Este tema, que xa foi obxecto dun detallado informe do Consello de Contas, revelou un incremento inxustificable de 470 millóns de euros, un feito que o PSdeG considera inadmisible e sobre o que esixe explicacións inmediatas e transparentes, “que o goberno galego négase a dar”.
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, lembrou durante unha roda de prensa logo da Xunta de Portavoces que a cidadanía galega merece saber por que se chegou a esta situación e por que os galegos están pagando, unha vez máis, os erros dunha xestión ineficaz e opaca.
Ademais, Espinosa destacou que o PSdeG levará ao Pleno outros temas de máxima preocupación para a cidadanía galega, demostrando unha vez máis o seu compromiso dos socialistas galegos cos problemas reais da xente, en contraposición cos debates estériles que promove o Partido Popular. “Mentres o señor Rueda segue o guión marcado por Feijóo dende Xénova, centrado en polémicas fabricadas e alleas ás necesidades dos galegos, os socialistas dedicámonos a traballar nas cuestións que verdadeiramente lles afectan”, subliñou a deputada.
Nesta liña, o PSdeG tamén presentará unha pregunta oral sobre a situación do Centro de Saúde de Cerdedo-Cotobade, que sufriu unha alarmante falta de persoal médico durante todo o verán, afectando gravemente á atención sanitaria da poboación. Espinosa denunciou que, a pesar desta situación, “o PP optou por celebrar unha xuntanza festiva para inaugurar o curso non sabemos si galego o madrileño, no lugar de ofrecer solucións concretas aos veciños”.
Sogama
Os socialistas galegos presentarán unha interpelación sobre a recente decisión de Sogama de incrementar o canon, unha medida que terá un impacto directo nas facturas de lixo dos cidadáns. Espinosa explicou que este incremento é resultado directo do incumprimento da Xunta en materia de xestión de residuos, e advertiu ao PP que deixe de enganar que non é Pedro Sánchez quen incrementa o recibo do lixo, “senón a mala xestión da Xunta de Galicia”.
Por último, o PSdeG levará ao Pleno unha pregunta oral pola preocupante situación da sinistralidade laboral en Galicia, que nos últimos meses alcanzou índices alarmantes. Espinosa subliñou que o PSdeG considera prioritario abordar esta cuestión e impulsar medidas que garantan a seguridade e a saúde dos traballadores galegos “e queremos saber o que está a facer a Xunta ao respecto”.
Por último Espinosa insistiu que “os socialistas de Galicia estamos centrados en atender as preocupacións reais dos galegos e galegas, dedicándonos a traballar nas súas necesidades e a mellorar a súa calidade de vida,” concluíu Espinosa, reafirmando a postura do PSdeG de afastarse dos debates estériles promovidos polo Partido Popular para facer seguidismo ás directrices de Feijóo, e concentrarse en cuestións que verdadeiramente afectan o día a día dos cidadáns”.