A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa deu conta dos asuntos que as e os socialistas levarán ao Pleno da semana que vén, onde destacan dous asuntos que requiren de actuacións de “urxencia”: a violencia machista e a caída do uso do galego
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar as iniciativas que as e os socialistas levarán á próxima sesión plenaria. O Grupo Socialista centrará a atención na loita contra a violencia machista, que será obxecto da pregunta ao presidente do portavoz, José Ramón Gómez Besteiro, e á defensa do idioma galego, cuestións que hoxe, máis ca nunca, urxe abordar.
Espinosa explicou que José Ramón Gómez Besteiro interpelará ao presidente Alfonso Rueda en relación coa violencia de xénero, “unha ferida aberta na nosa sociedade”. Este ano, dixo, “levamos máis de 3.000 denuncias por violencia machista en Galicia e, con pesar, debemos recordar que Estela é a última vítima desta traxedia, a cuarta muller asasinada en 2024 na nosa comunidade”.
A responsable socialista subliñou que dende o Grupo Socialista “esiximos un compromiso real e efectivo para poñer fin a esta lacra que nos afecta a todas e a todos como sociedade”, subliñou. Os socialistas pedirán á Xunta que reforce as políticas de prevención e incremente os recursos de apoio ás vítimas, “porque cada muller asasinada é unha vida rota, un berro de alerta que debe ser escoitado”.
Na mesma liña, Espinosa destacou a presentación dunha Proposición Non de Lei que insta ao Goberno galego a adoptar medidas integrais contra a violencia machista como a incorporación da educación afectivo-sexual nos currículos escolares, así como unha formación específica en igualdade para o profesorado.
“Tamén propoñemos o reforzo dos Centros de Información á Muller, actualizando os requisitos para o seu persoal e garantindo o acceso das mulleres en toda Galicia, ademais da creación de centros de crise 24 horas en A Coruña e Pontevedra e da ampliación das vivendas de acollida para as vítimas”, explicou a viceportavoz.
Esta proposición non de lei inclúe, ademais, a actualización do Protocolo de violencia de xénero para ofrecer unha resposta multidisciplinar, así como o impulso de campañas de sensibilización contra as mensaxes negacionistas que trivializan e perpetúan esta problemática.
Defensa do Idioma Galego
En materia de idioma e cultura, o Grupo Socialista tamén quere poñer o foco na situación preocupante do uso do galego, e, por iso, levará ao Pleno da semana que vén iniciativas que poñan en valor a urxencia de fortalecer o uso do idioma, especialmente entre a mocidade.
Elena Espinosa recordou a adhesión do PSdeG á “Declaración Unitaria pola Lingua” e á participación na manifestación deste domingo en Santiago de Compostela, onde demandarán un cambio de rumbo nas políticas lingüísticas da comunidade en favor da protección e promoción do galego.
Ademais destas iniciativas, os socialistas levarán ao Pleno outras cuestións como o modelo de desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia e a atención das persoas enfermas de esclerose lateral amiotrófica (ELA), para as que se reclamarán melloras nos servizos e recursos dispoñibles, así como unha maior implicación do goberno galego.