O secretario xeral do PSdeG advertiu que nin o crecemento nin a inflación se comportan na comunidade tan ben coma no conxunto do Estado, o que provoca que se estean perdendo oportunidades
Avanzou que mañá reunirá en Santiago ás alcaldesas e alcaldes socialistas co fin de “reflexionar sobre as cuestións económicas que afectan directamente á cidadanía” e abordar o financiamento local
“Se un proxecto é estratéxico para o noso país, ten que cumprir as regras de sustentabilidade medioambiental, económica e social, e ademais, cando aspira a ter financiamento público, debe ter un plus de transparencia”, asegurou
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe na Coruña que, mentres a economía do conxunto de España está experimentando un crecemento “espectacular”, a galega “vai máis lenta”, o que está provocando “unha perda de oportunidades”. Momentos antes de asistir á presentación do Anuario 2024 do Foro Económico de Galicia, na sede de Afundación, lamentou que a comunidade non se está a comportar do mesmo xeito que o resto do Estado “nin en crecemento nin en inflación”, algo que prexudica “directamente” aos galegos e ás galegas.
Mentres a previsión de crecemento do FMI para o conxunto do país supera o 2 %, o ritmo de Galicia queda nun 1,2 %. Con eses datos, o líder socialista instou á Xunta “a tomar medidas” e a comprometerse tamén en materia de corresponsabilidade fiscal, algo que neste momento “non se está facendo”.
Nese contexto, Besteiro avanzou que mañá reunirá en Santiago a todas as alcaldesas e todos os alcaldes socialistas nunha xornada de traballo que ten como obxectivo analizar a situación da economía galega en xeral e dos concellos en particular, en especial no que se refire ao financiamento municipal e dos servizos públicos.
O principal obxectivo do encontro é “reflexionar sobre as cuestións económicas que afectan directamente á cidadanía”, asegurou. Pero tamén sobre o marco de financiamento local que os socialistas “vimos reclamando”, tendo en conta que practicamente a metade da poboación de Galicia está gobernada por alcaldes e alcaldesas do PSdeG.
Por outra banda, tamén anunciou que no pleno do Parlamento da vindeira semana lle preguntará a Rueda “por cuestións relacionadas coa economía das galegas e os galegos”, como parte do traballo que os socialistas veñen realizando nesta materia, incluída a fiscalización dun Goberno galego “que moitas veces é moi dado a reclamar aos demais o que non está disposto a facer el mesmo”.
A preguntas dos medios en referencia á implantación de Altri en Palas de Rei, José Ramón Gómez Besteiro afirmou que os proxectos estratéxicos de Galicia deben ir acompañados dunha campaña de información “importante”. Ademais, debe quedar clara a súa sustentabilidade “ambiental, económica e social”. Por iso, lamentou que o Goberno do PP non está a ser transparente con iniciativas “que empezaron sendo unha cousa e acabaron sendo outra”, sen que se ofreceran explicacións “claras”.
Criticou que se fagan anuncios “cunha superinflación de postos de traballo que acaban minguando” e sen que se traslade o compromiso económico da Xunta.
“Nin son nin pretendo ser un técnico, pero si cuestionar políticamente” calquera iniciativa, afirmou Besteiro para insistir en que, “se un proxecto é estratéxico para o noso país, ten que cumprir as regras de sustentabilidade medioambiental, económica e social, e ademais, cando aspira a ter financiamento público, debe ter un plus de transparencia”, concluíu.