O secretario xeral do PSdeG reclámalle ao presidente da Xunta medidas de apoio aos sectores afectados, “con axudas complementarias” ás que está habilitando o Estado e promovendo a apertura de novos mercados
O líder socialista criticou a posición “absurda” da Xunta na reunión entre o Ministerio de Economía e as comunidades autónomas para coordinar iniciativas: “Non levou propostas, coma sempre, pero si reclamou máis cartos”
“Rueda ten que liderar a resposta á crise dos aranceis, debe poñerse á fronte da situación e non deixar pasar os problemas tratando de minimizalos sen darlles a importancia que teñen”. Así lle reclamou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao presidente da Xunta que poña en marcha medidas de apoio aos sectores afectados pola guerra comercial que acaba de abrir Trump. Entre elas citou “axudas complementarias” ás que está a habilitar o Estado, apostar pola internacionalización “traballando na apertura de novos mercados” e fomentar a dixitalización, entre outras. O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego sinalou que se trata de iniciativas que xa están poñendo en práctica outras comunidades autónomas, como Cataluña e Asturias, gobernadas por socialistas.
Besteiro fixo esas declaracións durante a súa visita á adega Martín Códax, en Cambados, “unha das máis importantes das Rías Baixas e de Galicia”, referencia dentro dun sector, o vitivinícola, que é “extraordinariamente importante” para a economía da comunidade autónoma pola súa contribución ao PIB (1,4 % do total) e ao emprego, con preto de 16.000 traballos directos. A día de hoxe, un terzo da produción da denominación de orixe está destinada aos mercados internacionais, entre os que o estadounidense é o primeiro. Esa internacionalización dos viños galegos, “cunha mellora constante durante anos”, vese agora ameazada pola subida dos aranceis.
“Fronte a iso, hai que reaccionar”, afirmou o líder socialista, e recordou que a semana pasada ofreceuse a manter unha xuntanza con Rueda “para abordar estas cuestións que afectan a sectores tan importantes como o agroalimentario e o industrial, fundamentalmente o da automoción”. Porén, lamentou que o presidente galego rexeitase esa proposta de colaboración. “Para nós, esas decisións son importantes, porque Galicia xógase moito e neste momento hai que traballar en colaboración, como están facendo Europa e o Goberno do Estado”, explicou.
Criticou, en relación a esa falta de cooperación na que considera “unha cuestión de país”, que na reunión de onte entre Ministerio de Economía e as comunidades para coordinar iniciativas, a Xunta, “coma sempre”, mantivo unha posición “absurda”. “Non levou propostas, pero si reclamou máis cartos”, censurou.
“Rueda ten que liderar —insistiu— como é a súa responsabilidade”. “E ten que apostar por que o PP apoie o decreto que o Goberno vai levar a convalidar ao Congreso para que as medidas de apoio que habilitou favorezan a todas as empresas. Feijoo debe votar a favor dese decreto”, advertiu, xa que a través del activouse un plan de 14.100 millóns de euros que darán soporte ás compañías españolas e ao emprego. O secretario xeral advertiu que “a Galicia tamén lle vai moito nesas axudas que abre o Estado”.